A Covid por concellos: este é o 17% de municipios libres de contaxios nos últimos 14 días

Vigo é a cidade coa incidencia a 100.000 habitantes máis alta, fronte a Santiago e Ourense, que rexistran as máis baixas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2020 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

Galicia contabiliza 54 municipios nos que non se rexistrou ningún caso de covid-19 nos últimos 14 días, o que implica que o 17,2% dos 313 concellos galegos está libre de coronavirus. De todos estes, a gran maioría (33) correspóndense coa provincia de Ourense.

Este número supón que máis dun terzo (o 35,9%) dos concellos ourensáns non detectaron ningún positivo nas últimas dúas semanas. En concreto, trátase da Arnoia, Beade, A Bola, O Bolo, Carballeda de Valdeorrras, Castro Caldelas, Cenlle, Cortegada, Chandrexa de Queixa, Esgos, Gomesende, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadañedo, Larouco, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Oímbra, Padrenda, Parada de Sil, Pontedeva, Quintela de Leirado, San Xoán de Río, Riós, Rubiá, San Amaro, Sarreaus, Taboadela, Vilardevós, Vilariño de Conso, Vilar de Santos e Vilar de Barrio.

Tras Ourense, sitúase Lugo con 13 municipios libres de covid --case un 20% dos 67 que conforman a provincia--: Baleira, Folgoso do Courel, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, O Páramo, Portomarín, Ribeira de Piquín, Riotorto, Sober e O Vicedo.

Á súa vez, só cinco dos 93 concellos da Coruña non detectaron casos de coronavirus nos últimos 14 días: Boimorto, Cerdido, Corcubión, Mañón e Toques; mentres que en Pontevedra tan só hai tres: Catoira, Covelo e Dozón.

Todo iso despréndese do mapa que incorporou este sábado a páxina web da Consellería de Sanidade para informar diariamente os datos da pandemia na Comunidade. Isto implica abandonar o sistema 'semáforo' con tres niveles de alerta --amarelo, laranxa e vermello-- establecido ata o momento, para ofrecer, aínda que nunha infografía monocolor, os positivos detectados en cada concello en 14 días.

INCIDENCIA POR CADA 100.000 HABITANTES NAS CIDADES

Estas cifras tamén permiten calcular a incidencia por cada 100.000 habitantes a 14 días en cada un dos municipios de Galicia, se se relaciona o número total de casos detectados en cada un co seu tamaño. Así, se se observan os datos por cidades, Vigo sitúase á cabeza cun total de 1.079 casos de covid-19 nas últimas dúas semanas, o que deixa unha incidencia de 365,31 positivos por cada 100.000 habitantes, unha taxa na que tamén se coloca de primeira.

Con cifras similares de incidencia está Lugo, posto que a pesar de rexistrar 331 positivos en 14 días, a incidencia é de 336,8 por cada 100.000 habitantes. En paralelo está Pontevedra, con 332,4 casos por cada 100.000 habitantes.

En canto ao termo municipal de Ferrol, o coronavirus ten unha afección de 266,4 por 100.000; por encima da taxa de 210,4 que rexistra A Coruña.

As últimas dúas cidades no que se refire á incidencia da pandemia son Santiago e Ourense, precisamente as dúas que hai semanas presentaban as evolucións máis negativas e nas que, por tanto, antes se tomaron restricións. Na cidade das Burgas, os contaxios detectados nos últimos 14 días supoñen 199,5 por cada 100.000 habitantes, mentres que a menor incidencia a anota a capital galega, con 164,5 positivos por cada 100.000 persoas.

Un can ladra na praza Maior do Carballiño onde hoxe se levanta o peche perimetral e reabre a hostalaría, no Carballiño, Ourense, Galicia, (España), a 21 de novembro de 2020. Esta nova fase de desescalada prodúcese tras a decisión da Xun. Rosa Veiga - Europa Press
Un can ladra na praza Maior do Carballiño onde hoxe se levanta o peche perimetral e reabre a hostalaría, no Carballiño, Ourense, Galicia, (España), a 21 de novembro de 2020. Esta nova fase de desescalada prodúcese tras a decisión da Xun. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta