Unha mostra abordará a relación de Afonso X o Sabio con Galicia co gallo do seu oitavo centenario e o Ano Santo

Os seus responsables reivindican a figura dun rei que "se movía en diferentes linguas" nun momento de "reticencias" ao plurilingüismo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/11/2020 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela acollerá a partir do mes de xaneiro a exposición 'Afonso X e Galicia', do Consello da Cultura Galega, que mostrará a relación do monarca --a súa vida persoal, obra artística e política-- con Galicia coincidindo co Ano Santo e co oitavo centenario do nacemento do monarca. Así o explicaron os seus responsables --CCG, Consellería de Cultura, Deputación de Ourense e Universidade de Santiago-- na rolda de prensa de presentación desta exhibición, que se inaugurará na Igrexa da USC o 12 de xaneiro.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez e a secretaria do Consello, Dores Vilavedra, na presentación da exposición 'Afonso X e Galicia'. Xunta de Galicia
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez e a secretaria do Consello, Dores Vilavedra, na presentación da exposición 'Afonso X e Galicia'. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

"A lectura do nome como 'Afonso X (por) Galicia' sería o mellor resumo para esta exhibición", comentou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, que engadiu que, sen desvinculalo do ámbito europeo, "reivindícase a figura do monarca e a súa influencia na historia cultural desde unha óptica galega".

A titular do CCG comentou tamén que a exposición será "moderna, adaptada ás esixencias sanitarias e para todos os públicos", especialmente enfocada aos nenos e ao sector do ensino.

O PLURILINGÜISMO E AFONSO X

Neste sentido falou tamén a secretaria do Consello e membro do comité da exposición, Dolores Vilavedra, que se referiu a a exhibición como "proxecto Covid" --por todos os cambios aos que tiveron que enfrontarse debido ás restricións anticovid--, e como "proxecto de país".

"Nun momento como o actual, no que o plurilingüismo está a ser xulgado con reticencias por algúns sectores da sociedade, presentamos a un home que se movía con absoluta normalidade en diferentes linguas", reivindicou Vilavedra, que lle pediu ademais aos futuros visitantes que utilicen a exposición como "punto de fuga" para reflexionar sobre a sociedade actual.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tamén puxo en valor a figura do monarca medieval. "Con esta exhibición, non só poderemos ver como Afonso X influíu no noso país, senón tamén como Galicia influíu na súa formación, a súa obra artística e a súa política", destacou. Ademais, subliñou a importancia de que exista unha retrospectiva sobre a Galicia medieval, "de onde veñen gran parte dos elementos conformadores da entidade dos galegos".

Por outra banda, o comisario da exposición, Antoni Ronsell, reivindicou o papel vertebrador na exhibición das 'Cantigas de Santa María', unha das obras redactadas en galego máis sobresaíntes da lírica medieval, que se proxectarán en seis pantallas traducidas a tres idiomas (galego, castelán e inglés).

O comisario destacou tamén o deseño da exposición --a cargo do arquitecto Roger Badía e do grupo Equinocio, no que se propón "unha auténtica peregrinaxe". Ao final da visita, presentaráselle ao visitante un itinerario para que poida percorrer algúns dos pobos galegos que custodian pezas do patrimonio artístico e arquitectónico relacionadas con Afonso X.

É por este motivo que todos os presentes incidiron na itinerancia da exposición. A súa primeira parada será, a partir de abril, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, subliñou que, a pesar da situación actual, a cultura "non para nin debe parar" e desexou que cheguen máis iniciativas como esta, "que profundan na historia de Galicia e na sociedade actual".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta