O presidente do TSXG afirma que os xuíces "aplicarán a lei" se hai cambio normativo para obrigar a vacinarse

Pon en valor as medidas preventivas nos xulgados, onde houbo 42 positivos, un 1 % do persoal.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/11/2020 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, sinalou este luns que, se se modifica a lexislación para facer obrigatoria a vacinación contra a COVID-19, os xuíces "aplicarán a lei". Así o trasladou a preguntas dos grupos parlamentarios durante a súa comparecencia na comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia tras a pandemia, que ten lugar no Parlamento galego.

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, durante unha entrevista para Europa Press
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, durante unha entrevista para Europa Press | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Con respecto á posible obrigatoriedade de porse a vacina antiCOVID e os eventuais litixios que poderían derivarse en caso de non aceptar esa imposición, o presidente do TSXG apuntou que, coa actual lexislación, a administración da vacina precisaría do consentimento previo do paciente.

En todo caso, matizou, "as leis pódense modificar" e os xuíces "teñen que aplicar a lei, non deseñala". Se unha nova normativa fixese obrigatoria a vacinación, "os xuíces terían que aplicar a lei", sinalou.

A pasada semana, o grupo parlamentario do PPdeG rexistrou na Cámara galega a súa proposta para reformar a lei de saúde. No texto, establécense sancións para aquelas persoas que se neguen a vacinarse ou que se salten un illamento, e ábrese a porta a que a normativa estableza a obriga de vacinarse, segundo recoñeceu o portavoz parlamentario 'popular', Pedro Puy.

AUMENTO DE ASUNTOS EN SOCIAL E MERCANTIL

Por outra banda, José María Gómez y Díaz-Castroverde vaticinou que aumentarán os asuntos nos xulgados do Social, Contencioso-Administrativo e Mercantil debido á pandemia de COVID e ás súas consecuencias económicas e sociais.

Gómez y Díaz-Castroverde sinalou que as actuais circunstancias fan vaticinar un futuro aumento de asuntos nestes xulgados, aínda que precisou que, de momento, "non hai noticias dunha posible avalancha".

A ese respecto, lembrou que os xulgados do Social "son os que teñen peor situación", e engadiu que tamén "preocupan" algunhas salas de Familia. Segundo apuntou, os asuntos que entraron nos xulgados do Social de Galicia diminuíron de forma significativa no que vai de ano e, de feito, no mes de outubro, nos xulgados do Social das sete grandes cidades ingresaron 3.351 asuntos, practicamente a metade que no mesmo mes do ano pasado.

En todo caso, e tras lembrar que houbo unha paralización da actividade xudicial durante o estado de alarma (fóra de xulgados de garda, oficinas de atención a vítimas, xulgados de violencia contra a muller, e outros servizos esenciais), tamén sinalou que se fixo unha "reprogramación" desa actividade e que, posiblemente a finais de 2020, os xulgados de Galicia "estarán preto de ter ao día os asuntos suspendidos".

XESTIÓN DA PANDEMIA

O presidente do TSXG sinalou que, desde que se iniciou a pandemia, detectáronse 42 casos positivos nos xulgados, dos que 16 foron xuíces, fiscais ou letrados da administración de xustiza; e outras 26 persoas foron forenses, xestores, auxilios e outros traballadores.

Respecto diso, destacou que a incidencia foi de en torno ao 1 por cento do total de funcionarios e non houbo "gromos específicos", xa que os contaxios "producíronse fóra" dos ámbitos dos xulgados. Iso indica, subliñou, que "se tomaron medidas adecuadas".

José María Gómez y Díaz-Castroverde lembrou que, no contexto de pandemia, os xulgados galegos contaron cun protocolo de actuación, habilitouse parcialmente o mes de agosto, reprogramáronse os sinalamentos para priorizar os asuntos esenciais cando se reactivaron os xuízos, e implantouse o método de traballo telemático.

Con respecto a esa cuestión, agradeceu que a administración de xustiza galega contou "desde o primeiro día" con todos os instrumentos para desenvolver ese teletraballo, e pediu "aproveitar esta inercia" para avanzar en cuestións como a extensión do expediente xudicial electrónico ou o 'portafirmas' dixital.

O presidente do alto tribunal galego tamén destacou que, durante a pandemia, constituíuse unha comisión de seguimento, un "instrumento importante" que segue vixente e que acordou medidas para manter a atención escencial e reactivar a actividade.

MEDIOS E PERSOAL

Cuestionado polos representantes dos grupos parlamentarios sobre os medios e o persoal dispoñible, Gómez y Díaz-Castroverde recalcou que, aínda que os medios tecnolóxicos son os adecuados, con respecto a instalacións e persoal "sempre se pode mellorar".

A ese respecto, apuntou que, nas actuais circunstancias, "o problema xa non é que haxa máis reforzos, ou máis interinos", senón que se repoñan as baixas "nun tempo curto". "Necesitamos unha reposición de baixas rápida, para evitar paralizacións e demoras", apostilou.

Así mesmo, pediu resolver os problemas do Imelga, porque "non é admisible" unha demora dun ano e medio na emisión de informes psicosociais

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta