Díaz Barreiros, novo presidente da CEG por aclamación, pide unidade aos empresarios galegos

Oferce ao vigués Pedro Rey entrar nos órganos de goberno, tras retirar este a súa candidatura cinco minutos antes da hora á que os membros da patronal ían depositar as súas papeletas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/11/2020 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

O empresario ourensán José Manuel Díaz Barreiros é o novo presidente da confederación de empresarios de Galicia (CEG) tras chegar a un acordo co outro aspirante, Pedro Rey, xusto antes de que se producise a votación presencial, de modo que o vigués retirou a súa candidatura.

Díaz Barreiros, que é director da xestoría Marcelino Díaz, era o candidato avalado pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO). Mentres, o seu rival, o vigués Pedro Rey, do mundo das empresas de formación, o era a proposta de Cecap Galicia (Federación Galega de Empresas de Formación) e da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP).

Aínda que a asemblea electoral chegou a constituírse de forma mixta, con parte telemática e parte presencial, esta última non chegou a producirse, pois o acordo produciuse in extremis, ao redor das 11,55 horas e a votación en persoa estaba prevista a partir das 12,00 horas, segundo informan fontes da CEG consultadas por Europa Press.

Así as cousas, José Manuel Díaz Barreiros é quen se poñerá á fronte dunha organización que leva anos sumida nunha crise interna e enfrontamentos. Tras as dimisións dos seus últimos presidentes, Antonio Dieter Moure e Antón Arias, o coruñés Antonio Fontenla exerceu como portavoz durante os últimos case tres anos.

José Manuel Díaz Barreiros. CEO
José Manuel Díaz Barreiros. CEO

UNIDADE

Tras o seu nomeamento, o novo presidente dixo que "prima a unidade empresarial por enriba de todo". Ante a asemblea e despois nunha rolda de prensa, Díaz Barreiros informou de que ofrece a Rey "colaborar" como vogal dos órganos de goberno da patronal galega, que son o comité executivo e a xunta directiva.

"Pedinlle que colabore nos órganos de goberno, preto do presidente. Que non sexa un mero asociado, senón que teña un papel destacado", destacou, ao constatar que existían "poucas" diferenzas entre ambos os programas, máis aló de que un (Díaz Barreiros) procede dunha organización provincial e o outro (Rey) dunha sectorial.

Pedro Rey brindoulle "todo o apoio" e desexoulle sorte neste "reto", pero dixo que "en principio" non ten pensado aceptar porque non quere "absolutamente nada" que teña que ver con postos. "Eu convencereite", chanceou Díaz Barreiros.

VICEPRESIDENTE CON PÉREZ CANAL

Empresario do sector de servizos de asesoría, corretaxe e xestoría, Díaz Barreiros pertence desde hai anos ao comité executivo e á xunta directiva da CEG. Foi vicepresidente da CEO co anterior presidente desta entidade, o falecido José Manuel Pérez Canle (quen perdeu unhas eleccións contra Dieter Moure), e é tamén membro doutras asociacións empresariais de ámbito provincial e galego.

Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, Díaz Barreiros é tamén máster en asesoría xurídica de empresas e máster en dirección de asesoría fiscal de empresas polo Instituto de Empresa de Madrid (IE).

Entre a súa bagaxe profesional destaca a faceta de xestor administrativo e procurador dos tribunais e corredor e perito xudicial de seguros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta