Case 80 oficinas do Santander pecharán en Galicia a causa do novo ERE da entidade bancaria

Cos procesos de fusión, en novembro de 2020 "só quedaban 234 oficinas", de acordo cos datos da CIG: 102 na Coruña, 30 en Lugo, 27 en Ourense e 75 en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2020 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

O novo expediente de regulación de emprego (ERE) do Banco Santander suporá o peche de 79 oficinas en Galicia, o 33,76% da rede actual, segundo os cálculos da CIG.

A central nacionalista sinala que en 2017, cando Santander comprou por un euro os bancos Popular e Pastor, había na comunidade galega 415 oficinas: 207 de Pastor, 171 do Santander e 37 de Popular.

Cos procesos de fusión, en novembro de 2020 "só quedaban 234 oficinas", de acordo cos seus datos: 102 na Coruña, 30 en Lugo, 27 en Ourense e 75 en Pontevedra.

Sobre os novos peches previstos, apunta que "non se sabe aínda onde se producirán", aínda que a CIG entende que afectarán a unhas 32 oficinas na Coruña, 17 en Lugo, nove en Ourense e 23 en Pontevedra.

PROTESTAS

A federación de banca da CIG desenvolveu unha xornada de protestas en Pontevedra e na Coruña para rexeitar o expediente de regulación de emprego (ERE) no Banco Santander.

As concentracións, segundo informa a central nacionalista nun comunicado de prensa, realizáronse ante varias oficinas da entidade nestas cidades.

A secretaria nacional de CIG-Banca, Sefi Romeu, cuestionou as "supostas recolocacións" que anunciou a empresa, xa que "nunha das grandes recolocacións anteriores detectouse que se derivou ao persoal a outra empresa do grupo que despois pechou, como ocorreu no Santander Operacións".

Ademais, alertou do "importante impacto" que terá este novo ERE sobre "moitos municipios" que "van quedar sen servizos tan importantes como o financeiro".

"O Santander escúsase en que hai unha gran dixitalización entre a clientela, cando sabemos que é unha dixitalización forzada", advirte esta portavoz.

Romeu lembra que o Santander xa aplicou un ERE o ano pasado que finalizou o 31 de marzo deste ano. A esa altura, informa, o persoal en Galicia era de 1.806 persoas, 304 menos que en 2018.

E engade que desde entón "aínda se reduciu máis o persoal por medio de despedimentos e prexubilacións", co cal quedou, segundo os seus números, en 1.776 persoas.

Unha oficina do Santander que foi clausurada en Ferrol (A Coruña)
Unha oficina do Santander que foi clausurada en Ferrol (A Coruña)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta