O Parlamento condena a violencia machista e subliña que a pandemia "agrava" a situación

Os grupos do hemiciclo alcanzan tamén outros acordos tras unha tensa sesión de control co 25-N no foco.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia, con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, que se conmemora o día 25 de novembro, reiterou, un ano máis, a través dunha declaración institucional, a súa "firme condena" de calquera expresión de violencia contra as mulleres, "e de todas e cada unha das súas manifestacións".

"De igual modo, manifestamos todo o noso apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero, aos seus fillos e fillas e aos seus familiares", subliña un texto, no que se lembra que xa na IV Conferencia Mundial sobre as Mulleres, en Beijing, en 1995, se recoñeceu que a violencia exercida contra as mulleres é "un obstáculo para a igualdade, o desenvolvemento e a paz dos pobos, que impide que as mulleres gocen dos seus dereitos humanos e liberdades fundamentais".

A declaración tamén cita á ONU para facer fincapé en que "a violencia contra as mulleres e as nenas, arraigada nunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes, persiste como unha crise silenciosa e endémica", e agrega que este ano, "a situación viuse agravada pola pandemia". "E que se afecta ás mulleres con máis intensidade e de forma concreta pola desigualdade estrutural en que se atopan, é especialmente terrible para as mulleres vítimas de violencia de xénero", apostila.

Lembra deste xeito que "a súa erradicación e eliminación" é un mandato normativo derivado dos tratados internacionais de Nacións Unidas e a Unión Europea, ratificados polo Estado Español, polo que debe de ser tratada "con máxima prioridade" nas axendas das distintas administracións públicas como garantías dos dereitos das mulleres.

LEI APORBADA POR UNANIMIDADE

A declaración institucional lembra que Galicia conta desde o ano 2007 cunha Lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, aprobada por unanimidade no Parlamento. Unha norma, resalta, "avanzada e en liña coas recomendacións internacionais recollidas, entre outros instrumentos, no Convenio de Istambul". "Esta lei representou un enorme cambio, ao ampliar a definición de violencia machista e incluír como tal calquera acto violento ou agresión --tamén sexual--, tanto se ocorre no ámbito público como no familiar ou persoal", remarca.

Con posterioridade, agrega o texto, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, validado por unanimidade, tamén supuxo "un claro avance ao lograr unir todas as forzas políticas e institucionais do Estado para mellorar a situación das mulleres vítimas e para loitar contra unha situación indigna para calquera sociedade, establecendo estratexias de sensibilización e prevención, atención, asesoramento, acompañamento e protección".

Todo iso, "sempre desde perspectivas integrais en todos os ámbitos, tales como o laboral, o educativo, o sanitario, o xurídico, o policial e o social".

"UN RETO DE TODA A SOCIEDADE"

Así, o Parlamento sitúa a eliminación da violencia contra as mulleres como "un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación", sempre desde o respecto ao réxime de distribución de competencias en todas as accións que se desenvolvan, posto que o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica numerosos axentes.

"A violencia de xénero non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser, nin na democracia que queremos consolidar. Eliminala das nosas vidas e protexer as vítimas non é unha opción, é un deber. A violencia machista interpélanos a todos e as administracións públicas debemos combatela con todos os medios ao noso alcance", recolle.

Respecto diso, a declaración lembra que o Parlamento de Galicia leva anos traballando "arreo" para conseguir cambios nas políticas públicas e no campo lexislativo, co fin de conseguir algún día a plena igualdade e, en consecuencia, a eliminación de calquera forma de violencia contra as mulleres. Que é, engade, "a manifestación máis despreciable da desigualdade entre homes e mulleres".

A través da declaración, os grupos representados na Cámara comprométense a seguir traballando neste camiño para a implantación de medidas de prevención e tamén de axuda ás vítimas e aos seus fillos.

"Unha sociedade democrática non pode tolerar que as mulleres sexan discriminadas, sexan vítimas do machismo, da desigualdade e da violencia, unha das principais causas de vulneración dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, situacións totalmente inadmisibles nun Estado democrático e de dereito", conclúe.

ACORDOS E RIFA

Á marxe da declaración institucional, os grupos evidenciaron o acordo noutras medidas ligadas coa información e a axuda á muller e ás vítimas de violencia machista. Todo iso, a pesar de que o día se iniciou cunha rifa na sesión de control entre o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Feijóo comparece no Parlamento.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Feijóo comparece no Parlamento.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta