Feijóo observa "criterios preocupantes" do Goberno para repartir fondos europeos

O Consello aproba este xoves a lei de reactivación, que busca a "desburocratización" para favorecer os investimentos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advirte "criterios preocupantes" para a repartición de fondos europeos ás comunidades autónomas, polo que esixe ao Goberno de Pedro Sánchez regulas "básicas e transparentes". Núñez Feijóo lanzou esta demanda este mércores antes de presidir unha nova reunión da comisión interdepartamental 'Next Generation Galicia'.

En declaracións previas aos xornalistas, tamén avanzou que o Consello da Xunta aprobará este xoves a lei de reactivación, que busca a "desburocratización" da administración para favorecer os investimentos.

Tras o encontro da comisión 'Next Generation Galicia', de feito, celebrouse outra reunión co comité de expertos, "para seguir traballando con eles as candidaturas" de proxectos galegos para os fondos da reconstrución e tamén para abordar a mencionada lei, que Feijóo pretende que "antes do 7 de decembro entre no Parlamento".

"Queremos que se avalíe de forma concreta para que chegue ao Parlamento e a finais de febreiro, nun pleno da última semana, poidamos ter unha lei de reactivación económica para diminuír a burocratización", subliñou.

Segundo informou a Xunta despois do acto a través dunha nota de prensa, o texto que irá este xoves a Consello ofrece "vantaxes" aos proxectos empresariais "estratéxicos", máis "axilidade administrativa", incentivos fiscais e "facilidades" para acceder ao chan industrial.

CREAR EMPREGO "A MEDIO E LONGO PRAZO"

Consciente de "todos os cambios que se están producindo" ao redor dos fondos para a reconstrución, o titular do Goberno galego avogou por "seguir promovendo e planificando os proxectos de Galicia" que optan aos ditos recursos, e que por agora son 108. Faino, dixo, tamén consciente de que as perspectivas económicas son "malas" tanto para a economía española como para a galega, debido ao impacto da pandemia.

En "momentos de enorme incerteza e dificultade" para toda a Unión Europea, Feijóo rexeitou que entren en xogo "cuestiones políticas ou partidistas" posto que estas "non crean emprego". Así, ante a "necesidade" de obter "a maior rendibilidade económica" dos fondos europeos, apostou por "pensar a medio e a longo prazo".

"Imos seleccionar proxectos que modifiquen a competitividade e cren emprego a medio e longo prazo, que consoliden unha reactivación económica que veña para quedar", subliñou. Deste xeito, contrapuxo estas iniciativas con outras de carácter "estético ou rápidos que non consoliden" os incrementos de emprego nin melloren a calidade da economía.

"Estamos ante unha oportunidade", proclamou o presidente galego, antes de mostrarse "persuadido" de que a Xunta está "nun camiño adecuado" cos 108 proxectos presentados polo momento.

"PREOCUPADO" POLO GABINETE DO PRESIDENTE E MINISTROS

En calquera caso, reclamou "concreción" para "coñecer os criterios, as bases da concorrencia competitiva para que Galicia poida presentar os seus proxectos". E pediu "que sexa en base á calidade e a criterios obxectivos".

"Preocúpanos o que levamos coñecido sobre a fórmula con que o Goberno central pretende distribuír os fondos. Preocúpanos que esa comisión estea formada polo gabinete do presidente e ministros que non teñen nada que ver cos propios fondos. Preocúpanos a información que de momento temos e esperamos que se disipen estas preocupacións cando coñezamos o regulamento europeo e os criterios do Goberno que de momento son criterios preocupantes e esperamos que vaian sendo regras básicas e transparentes", incidiu.

Pola súa banda, apuntou a elementos como a dispersión, o "problema demográfico", a porcentaxe de poboación rural e os niveis de renda per cápita "por baixo da media europea e española" para que sexan "criterios respectados" na distribución dos fondos. "Unha pena sería que se invista máis onde hai maior renda ou unha estrutura industrial", avisou.

En resumo, asegurou que á Xunta non lle move "ningún interese espurio" e que o que quere é "acertar", de aí o fondo con máis de 100 millóns reservado no proxecto de orzamentos para a medida que expoñan o comité de expertos, o diálogo social e a comisión parlamentaria para a reconstrución.

PRIORIZAR PROXECTOS

E como crítica "aos gobernos que non teñen expertos para avaliar os fondos", por parte da Xunta reivindicou a consulta ao seu comité de expertos para "seguir perfeccionando o deseño para fortalecer as empresas" galegas, con obxectivos como afrontar os seus "problemas de tamaño".

Entre outras cuestións, indicou que solicitará aos expertos "que fagan unhas estimacións da evolución da economía galega para os próximos anos" e que "coñeza, valide e axude a priorizar" os 108 proxectos que son candidatos da Xunta polo momento para acceder aos fondos europeos de reactivación.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta