O PPdeG vota en contra de aumentar o orzamento destinado a combater a violencia de xénero

Tamén rexeita garantir a atención psicolóxica ás vítimas como servizo de atención primaria. Con todo, houbo acordo dos grupos para aprobar outras medidas contra a violencia machista e a protección de menores orfos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

Os grupos con representación no Parlamento de Galicia --PPdeG, BNG e PSdeG-- chegaron este mércores a acordos para aprobar medidas que permitan avanzar na loita contra a violencia machista e tamén para protexer aos menores orfos.

Coincidindo coa celebración do Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller e despois de que a sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se saldase cun debate bronco sobre esta cuestión, os grupos conseguiron chegar a acordos para sacar adiante dúas iniciativas --presentadas polos populares e os nacionalistas-- que abordan distintos aspectos desta problemática.

Deste xeito, por mor dunha proposición non de lei defendida pola deputada nacionalista Olalla Rodil, as tres forzas acordaron instar á Xunta a deseñar, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, un plan específico de atención psicolóxica para as mulleres en situación de violencia machista adaptado á realidade xerada pola covid-19, así como ás consecuencias do confinamento.

Así mesmo, pediron ampliar o plan de reforzo de atención ás vítimas para garantir o funcionamento dos servizos de atención, información e asesoramento ás mulleres en situación de violencia machista, tales como: prestacións económicas, apoio psicolóxico, Centros de Información ás mulleres e recursos de acollida.

Ademais, reclamaron elaborar un estudo sobre a situación das vítimas durante a pandemia, ampliar a rede de centros CIM, reforzar as medidas dirixidas á atención das que viven no rural, ampliar a colaboración coa Rede Galega contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e dirixirse ao Estado para que impulse a aprobación dunha lei contra a trata.

O acordo partiu dunha iniciativa defendida por Olalla Rodil, quen tamén pedía que se incrementase, no proxecto de orzamentos para 2021, os recursos económicos destinados a combater a violencia machista ata, como mínimo, situalos no 1% do total. Con todo, tanto este punto como outro no que se reclamaba garantir a atención psicolóxica ás vítimas como servizo de atención primaria, non saíron adiante ao ser votados por separado e contar co rexeitado do PP.

E é que a pesar de que a socialista Noa Díaz avanzou o seu apoio a estas demandas por considerar que se deben incrementar os fondos nesta materia, a popular Paula Prado xustificou o rexeitamento a esta petición ao afirmar que o "incremento dos orzamentos para a igualdade, non só para a atención ás vítimas de violencia de xero, xa está garantido por lei cunha partida ampliable".

Ademais, argumentou que é "necesario abordar a igualdade de forma transversal, desde a educación, a prevención, a sensibilización e a atención, e non só desde un punto de vista asistencialista".

PROTECCIÓN DAS MENORES VÍTIMAS

Na sesión, ademais, a parlamentaria do PPdeG defendeu outra proposición non de lei que pedía instar o Estado a cambiar a lei para "eliminar a situación de desprotección" na que, na súa opinión, se atopan os orfos por violencia de xénero en determinadas situacións.

A iniciativa foi emendada tanto polo BNG como polo PSdeG, grupos cos que finalmente o PPdeG chegou a un acordo para sacar adiante un texto transaccionado. Así, a Cámara aprobou por unanimidade que a Xunta se dirixa ao Goberno central para realizar "de forma urxente" as modificacións lexislativas necesarias para garantir a protección dos orfos en situacións derivadas da "non coincidencia do homicida co pai" do descendente ou que o proxenitor non estea en condicións de asumir a manutención, entre outras.

O texto tamén reclama ao Executivo estatal unha difusión activa da existencia deste recurso e a realización dun estudo específico en Galicia sobre os casos de mulleres e menores ao seu cargo que fosen vítimas de violencia de xénero para analizar o seu grao de inserción na sociedade. Ademais, pide á Xunta que reforce as axudas de indemnización económica dirixidas aos fillos menores de 30 anos das vítimas mortais.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entra no hemicilo do Parlamento de Galicia.. XUNTA - Arquivo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entra no hemicilo do Parlamento de Galicia.. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta