Estes son os principais factores de risco de morte por covid-19

Investigadores do proxecto internacional HOPE COVID-19 presentan os resultados dun estudo en hospitais de España, Alemaña, Italia e Ecuador –incluídos o Clínico Universitario de Santiago de Compostela e o Cunqueiro de Vigo–, nos que caracterizan os síntomas e comorbilidades máis frecuentes nos ingresados, e os factores que máis poñen en risco as súas vidas: idade, hipertensión, obesidade, insuficiencia renal e inmunodepresión.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Por que algúns pacientes con covid-19 morren e outros non? As comorbilidades –dúas ou máis enfermidades á vez nun individuo– evidenciáronse como determinantes na mortalidade dos contaxiados co coronavirus SARS-CoV-2. Agora, un estudo asinado por 48 investigadores do proxecto HOPE COVID-19 –Rexistro Internacional de Evaluación Clínica Covid-19–, no que participan hospitais de todo o mundo, sinala a idade, hipertensión, obesidade, insuficiencia renal e enfermidades inmunosupresoras como principais factores de risco de morte para os contaxiados.

Sanitaria nunha UCI
Sanitaria nunha UCI | Fonte: EFE.

No estudo, no que participaron investigadores de 27 hospitais de España, Alemaña, Italia e Ecuador –incluídos o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo–, analizáronse os datos de 1.021 pacientes con covid-19 ou ben mortos (un total de 311) ou que recibiron a alta hospitalaria (710 superviventes), entre o 8 de febreiro e o 1 de abril, cunha media de idade de 68 anos e o 59,5 %, varóns.

As comorbilidades máis frecuentes identificadas no coxunto dos pacientes foron a hipertensión, nun 46,8 %, dos casos, e a dislipidemia, no 35,8 % (a dislipidemia é a concentración elevada de lípidos –colesterol, triglicéridos ou ambos os dous– ou unha concentración baixa de colesterol rico en lipoproteínas, aumentando o risco de padecer enfermidades cardiovasculares).

Nun 20 % dos casos analizados tamén se describiu unha enfermidade cardíaca ou pulmonar relevante, e detectáronse enfermidades renais, neurolóxicas e oncolóxicas no 8,2, 9,7 e 13,3 %, respectivamente.

No momento do ingreso, os síntomas máis frecuentes foron febre (78,2 %), tose e dispnea (dificultade para respirar) en máis do 50 %, con baixa saturación de osíxeno en sangue no 38 % dos casos. Outros síntomas menos frecuentes pero que os investigadores consideran “chamativos” foron a diarrea (17,5 %), vómitos (7,6 %), alteracións nos sentidos do gusto e do olfacto (10 %), confusión (8 %) e síncope (menos do 1 %).

Na exploración dos pacientes ingresados reportouse ademais taquipnea (aumento da frecuencia respiratoria por enriba de valores normais) nun 26 % dos casos e un 8 % tiña presión arterial anormalmente baixa.

Nas análises de sangue realizadas no momento do ingreso hospitalario destacaron niveis elevados de proteína C reactiva no 92 % dos casos (producida polo fígado en resposta a unha inflamación), de lactato deshidroxenasa no 75,5 % (enzima que se atopa en case todos os tecidos do corpo e cuxos niveis se elevan como resposta a un dano celular), de dímero D no 67 % (fragmento de proteína que se produce cando un coágulo de sangue se disolve no corpo) e de ferritina no 60 % (proteína que almacena o ferro nas células e que en altos niveis pode indicar a presenza de virus e bacterias no corpo, ou unha mutación xenética).

A radiografía de tórax revelou anomalías pulmonares agudas en máis do 70 % dos pacientes, na súa maioría bilaterais.

FACTORES DE RISCO DE MORTALIDADE

Entre os falecidos con covid-19 –cunha media de 70 anos (dous máis que a media do conxunto dos hospitalizados coa enfermidade) e o 59,6 % varóns (o que constata unha maior mortalidade nos homes)–, observouse que as comorbilidades máis frecuentes foron a hipertensión (51,3 %), dislipidemia (40 %), obesidade (23,5 %) e diabetes (19,5 %).

Os investigadores sinalan a idade, a hipertensión, a obesidade, a insuficiencia renal, calquera enfermidade inmunosupresora, saturación de osíxeno por debaixo do 92 % (o normal é que sexa de polo menos o 95 %) e proteína C reactiva elevada como “os factores de risco de morte máis relevantes”.

Con todo, o impacto de cada variable cambiou segundo os grupos de idade, de xeito que entre os que tiñan menos de 70 anos a obesidade e a inmunosupresión pareceron ser máis importantes, mentres que a hipertensión foi máis relevante nos maiores de 70.

Polo tanto, “a covid-19 produce unha importante mortalidade, sobre todo en pacientes con  comorbilidades e síntomas respiratorios”, resumen os autores da investigación, que destacan que “algunhas características clínicas e analiticamente dispoñibles simples foron capaces de predicir a maioría das mortes observadas”.

Salientan, ademais, que na súa observación parece haber unha asociación entre o tratamento con hidroxicloroquina –coñecida por ser utilizada contra a malaria– e melloras na supervivencia dos pacientes, “pero estes datos deben confirmarse con ensaios adicionais”, conclúen.

HOPE COVID-19

Investigadores do Hospital Clínico San Carlos puxeron en marcha en maio o Rexistro Internacional de Avaliación Clínica Hope Covid-19, un dos maiores sobre o coronavirus SARS-CoV-2 no mundo, no que participan máis de 70 hospitais de 17 países de América, Europa, Asia, África e Oceanía, entre os que están o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e o Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O obxectivo é caracterizar adecuadamente a covid-19 para coñecer mellor a enfermidade e facilitar a toma de decisións no seu diagnóstico e tratamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Zghz

A idade, hipertensión, obesidade... son factores de risco por si mesmos, xa non saben o que facer para asustar co covid.