Manuel Rodríguez releva a Fernández-Couto á fronte da loita contra incendios

O até agora director xeral de Defensa do Monte estivo no cargo desde o ano 1996, coa paréntese dos anos que PSdeG e BNG gobernaron Galicia, entre 2005 e 2009.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/11/2020 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves, tras a reunión semanal do seu Executivo, o cesamento como director xeral de Defensa do Monte de Tomás Fernández-Couto, quen se ocupou da xestión dos incendios desde o ano 1996, coa paréntese dos anos que PSdeG e BNG gobernaron Galicia en coalición, entre 2005 e 2009. Relévao Manuel Rodríguez, de quen Feijóo destacou que toda a súa traxectoria profesional, con diversos cargos, estivo ligada a Medio Rural.

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, en comisión parlamentaria
O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, en comisión parlamentaria | Fonte: Xunta.

Previamente, o presidente galego agradeceu "máis que moito" os servizos prestados por Fernández-Couto --quen estivo, no seu día, no foco dunha investigación pola adxudicación do servizo de helicópteros contraincendios, logo arquivada-- e fixo fincapé en que leva "sen vacacións" os doce últimos anos, tendo en conta que a xestión de incendios esixe especial atención durante o período estival.

En Twitter pronunciouse o conselleiro do Medio Rural, José González. "Fernández-Couto foi, é e seguirá sendo un dos maiores servidores públicos deste país. Un profesional que dedicou gran parte da súa carreira a combater unha das maiores lacras de Galicia. Como persoa, a súa calidade humana é incomensurable. Grazas por todo", recolle.

Á súa vez, de Manuel Rodríguez, o conselleiro prognosticou que será "un excelente profesional á cabeza dunha das direccións xerais que máis relevancia teñen no futuro de Galicia: Defensa do Monte". "Foi xefe territorial, director xeral e liderou o equipo que axudou nos incendios de Portugal", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta