Son seguras as granxas de visóns en Galicia tras mutacións da COVID nestes animais?

Cando se descubriu en Dinamarca unha mutación do virus da COVID en granxas de visóns, o goberno ordenou o sacrificio de todos os animais. Galicia concentra o maior número deste tipo de granxas en España e algunhas voces apuntan a unha solución como a danesa. Os motivos, frear os posibles contaxios e estarmos diante dunha especie invasora que é un potencial perigo para o ecosistema.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Entre 15 e 17 millóns de visóns foron sacrificados en Dinamarca cando se soubo de contaxios por COVID e posibles mutacións do virus en animais infectados. Estas novas mutacións poderían pasar ao ser humano e facer retroceder as investigacións realizadas ata o de agora. Iso é o que o informaron as autoridades do país escandinavo. De súpeto a noticia fixo virar a vista cara Galicia onde se asenta o maior número de granxas para a produción de pel con destino á industria peleteira. Aproximadamente as tres cuartas partes deste tipo de instalacións están en territorio galego. Significa isto que pode haber granxas con animais infectados en Galicia? Houbo alertas e non se deron?

Granxa de visóns en Troitosende (A Baña, A Coruña)
Granxa de visóns en Troitosende (A Baña, A Coruña) | Fonte: SGHN.

SEGURIDADE NAS GRANXAS

A xunta directiva da Asociación Española de Criadores de Visón, asegura que desde o comezo da pandemia todos os criadeiros tomaron medidas para evitar infeccións entre traballadores-coidadores de granxas. “Dentro das granxas españolas activáronse estritos protocolos de bioseguridade” e todos os traballadores “contan con Equipos de Protección Individual (EPI)”.

O protocolo de actuación asinouse polo Goberno central durante o verán de 2020 e logo foi trasladado ás CCAA entre agosto e setembro” din desde ADEGA. Por tanto “se se tomaron medidas desde o comezo da pandemia foi de maneira individual”. A Galicia o protocolo chegou en setembro segundo trasladou a Consellería de Medio Rural a ADEGA.

Desde 2014 existe un documento sobre xestión, control e erradicación do visón americano, elaborado polo ministerio de Agricultura naquel momento. Este documento obrigaba a aumentar as medidas de bioseguridades. “Algunhas granxas (galegas) que puidemos visitar non aplicaban as medidas que establecía este documento e falamos do ano 2019”.

visóns engaiolados
visóns engaiolados | Fonte: mascoteros

O sector do visión responde que todas as directrices e protocolos establecidos polo goberno e as CCAA están sendo aplicados. “Polo de agora están funcionando ben”. Sobre este punto sinalan que o sector aplica as directrices do Ministerio de Agricultura “inspeccionando recentemente en todas as granxas polos inspectores veterinarios dos servizos de Sanidad Animal”. Así mesmo, postos en contacto coa Consellería de Medio Rural, desde o Gabinete de Prensa transmitiuse que ata o momento “os controis realizados na nosa comunidade tiveron resultados laboratoriais negativos, polo tanto, a incidencia do SARS-CoV-2 nas granxas de visón en Galicia é nula á data actual”.

A PANDEMIA, ESTÁ OU NON ESTÁ DENTRO DAS GRANXAS?

As recomendacións do Goberno central apuntaban a que calquera síntoma compatible coa COVID, quer en animais quer en persoas, aplicar inmediatamente as PCR. “A Xunta informounos de que houbo catro instalacións das 26 que hai en Galicia, onde se apareceron síntomas compatibles coa COVID, aplicáronse as PCR e resultaron todas negativas” din desde ADEGA. O que non aclarou a Xunta, informa ADEGA, era que se as PCR se aplicaran a persoas ou animais.

Desde que se coñeceu a susceptibilidade do visón americano, a especie que se cría para peletaría, ao SARS-Cov-2 (COVID-19), os positivos detectados en España foron nunha granxa de Teruel. A inspección sanitaria detectou que proviña dunha infección previa dun dos traballadores. O sector do visón estima que non foi afectado de momento pola COVID. Así mesmo, os criadores sinalan que, conxuntamente coa “autoridade competente”, articularon un plan de vixilancia activa das granxas e do persoal. O obxectivo é a detección temperá.

“Cremos que a Xunta non está actuando como debe ante o risco que supón unha posible infección por COVID en granxas de visión” di ADEGA. A asociación ecoloxista menciona o caso danés, co peche de instalacións e sacrificio de animais. “Aquí non están pensando niso, é máis, Galicia é o depósito do lixo xenético da cría de visón”. Con isto a asociación ecoloxista quere dicir que as empresas que pechan nos Países Baixos, Reino Unido ou calquera outro, veñen a Galicia por ter todas as facilidades.

Os criadores pola súa banda, defenden que a súa actuación en España é moi diferente e máis segura que noutros países da UE, nomeadamente Países Baixos e Dinamarca, porque “aquí non se produce unha contratación de traballadores temporais de terceiros países e as poucas granxas que existen están illadas das demais instalacións e de núcleos de poboación”.

Desde Medio Rural, apúntase que nestes momentos estase procedendo á creación dun programa conxunto entre Medio Rural e Sanidade para realizar unha “vixilancia activa, de xeito preventivo, tomando mostras a unha porcentaxe de visóns en todas as granxas activas en Galicia”.

A concentración de granxas de visón en Galicia é a maior do Estado, por iso colectivos ecoloxistas e sociais están preocupados ante a posible aparición da COVID nestas instalacións. Mais destacan a falta de control durante os últimos anos das autoridades, sobre todo en Galicia, que, segundo apuntan estes colectivos, son moi laxas en canto as medidas de seguridade nestas instalacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GoVegan

Para quem nom som seguras é para os visons, gaseados até morrer com pandemia ou sem ela.