O histórico documental sobre Galicia que estivo 70 anos perdido nun arquivo de Moscú

A Lobeira asistirá á proxección do clásico 'Galicia', obra de Carlos Velo na que participou o home da xeración Nós Xaquín Lorenzo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Era 1935 cando Xaquín Lorenzo ‘Xocas’ recibía ao seu amigo Carlos Velo na vella casa de Lobeira. Lorenzo, considerado o último home da Xeración Nós, prestou entón a súa casona de labranza para que o cineasta galego filmara as imaxes que pasarían a formar parte dunha xoia audiovisual case descoñecida: o documental Galicia.

Fotograma do mítico documental 'Galicia', de Carlos Velo
Fotograma do mítico documental 'Galicia', de Carlos Velo | Fonte: 'Galicia'

A mítica película foi rematada nos anos da República pero nese momento perdéuselle o rastro. Non sería ata o ano 2010 cando un profesor universitario ruso a atopara nun antigo arquivo. O curioso destino da cinta resulta difícil de explicar: sábese que Velo viaxou con ela a París en 1937 para amosala como parte da Exposición Universal, pero nada máis.

O histórico documental, duns 20 minutos de duración, pretendía reflectir a vida na Galicia deses anos, abranguendo dende as labores do campo ao decorrer dos días na cidade. Este sábado 28 poderán acceder a ela os que decidan achegarse ao centro Portas do Xurés, na Lobeira, onde terá lugar unha proxección da peza baixo o título Nós e o cine. Xocas, nas curtas de Román e Velo. Na xornada será proxectado Galicia, pero tamén O carro e o home, unha peza ideada polo propio Xocas.

Lorenzo, figura insigne do estudo da vida galega, reflexionara longamente sobre o papel do carro do día a día da Galicia rural. Nun segundo encontro con Velo, xa nos anos da posguerra, deciden desenvolver outra peza documental na que quedará reflectido este estreito vencello entre home e ferramenta.  Para lembrar as rodaxes e os proxectos desenvolvidos en Lobeira contarase coa presenza de dous dos máis distinguidos investigadores do audiovisual galego: Pepe Coira e Fernando Redondo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta