Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2020 | Actualizada ás 14:00
Nova polémica da Xunta de Galicia sobre o emprego e promoción do galego. Co rexeitamento aberto de Feijóo á Lei Celáa aínda no aire, sucédense as críticas á política lingüística do executivo 'popular' no tocante á sanidade pública galega. Nas últimas semanas e meses non foron poucas as denuncias de que o teléfono de atención a distancia da Xunta só atendía en castelán.
Nestas circunstancias, A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar outra circunstancia que, ao ver do seu presidente, Marcos Maceiras, estaría a impactar negativamente na calidade asistencial dos pacientes galegofalantes, con especial incidencia naqueles de tendencia máis monolingüe. E é que, de acordo con Maceiras, o Sergas non esixe, "na práctica" o coñecemento da lingua galega para poder pasar a formar parte do seu cadro de persoal.
Segundo destaca a Mesa, o coñecemento e dominio do galego trátase dun requerimento que, cando menos sobre o papel, aparece disposto como requisito sine qua non para acceder a un posto no Servizo Galego de Saúde. A circunstancia real, porén, é ben distinta, xa que --de acordo con Maceira-- a demanda aos opositores leva sendo "incumprida" "dendo o ano 2010". "Só se esixe sobre o papel, non hai realmente unha obrigación de coñecelo, cousa que si acontece co español", subliña.
SERGAS
Pola súa banda, fontes do Sergas informaron ao GC que un dos exercicios da fase de oposición ten por obxecto a acreditación do coñecemento da lingua galega. "Só están exentos da súa realización aqueles aspirantes que estean en posesion do Celga correspondente", indican.
Por iso negan categoricamente que non se teña en conta o coñecemento do galego como requisito nestas probas. "Dáse cumprimento con iso ao mandato contido no artigo 51 da lei de emprego público de Galicia, e así se vai a seguir facendo", aseguran.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.