130 millóns para garantir o acceso á vivenda e á implantación de empresas en Galicia

En xaneiro de 2021 poderanse solicitar as novas axudas de eficiencia enerxética para edificios xa existentes.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/11/2020 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para 2021 destinarán un total de 130,7 millóns de euros a garantir o acceso á vivenda e a incentivar a adquisición de parcelas e o desenvolvemento de chan en áreas empresariais.

Así o avanzou este venres a titular do departamento, Anxos Vázquez, durante a súa comparecencia na Comisión de Economía e Orzamentos da Cámara galega, na que informou das contas da súa consellería para 2021. Así, increméntanse un 14,06%, ata os 373,6 millóns.

Na súa intervención, sinalou que se trata do maior orzamento asignado á Consellería de Medio Ambiente desde 2016, o que permitirá dar un salto cualitativo e cuantitativo en todas as políticas relacionadas co seu catro grandes áreas: a vivenda e chan empresarial; a xestión dos residuos e a loita contra o cambio climático; a protección do patrimonio natural e da biodiversidade; e a ordenación do territorio e posta en valor da paisaxe.

"Uns orzamentos centrados nas persoas e nas súas necesidades; así como no respecto ao medio ambiente, ao territorio e á nosa paisaxe", resumiu.

MEDIDAS EN MATERIA DE CHAN RESIDENCIAL

En materia residencial e dentro dos 130,7 millóns citados, destacou a posta en marcha do Pacto Social pola Vivenda, anunciado no Parlamento o pasado outubro. Dentro dos orzamentos do Instituto Galego d Vivenda e Solo (IGVS), 72,1 millóns destinarase a desenvolver as distintas medidas de acceso á vivenda, rehabilitación e chan residencial, coas que se pretende beneficiar polo menos a 70.000 fogares no próximos cinco anos.

Así mesmo, a recuperación do patrimonio inmobiliario construído terá un peso especial nas contas, que reservan para estas políticas 36 millóns de euros. Así mesmo, en xaneiro de 2021 poderanse solicitar as novas axudas de eficiencia enerxética para edificios xa existentes, unha liña que convocará por primeira vez a Consellería e que estará dotada en 2021 de 8,5 millóns.

No capítulo de rehabilitación, a conselleira destacou tamén os 3,18 millóns que xestionará o Consorcio Zona vella de Vigo. Ademais, sinalou que se continuará colaborando cos concellos a través da convocatoria das axudas para intervir nas 73 áreas de rehabilitación integral de Galicia (6,7 millóns), do Fondo de Cooperación do IGVS (3,5 millóns) ou do programa de vivenda de mestres e outros oficios (2,1 millóns).

AXUDAS Á COMPRA E ALUGUER

A conselleira sinalou que, para facilitar o acceso á vivenda, en réxime de compra ou de aluguer, o seu departamento mobilizará 28 millóns o próximo ano, sendo as partidas máis importantes as destinadas á construción de vivenda pública protexida (7,7 millóns) e á expropiación e licitación das obras de urbanización da primeira fase de San Paio de Navia, en vigo (8 millóns).

Tamén se reservan 3,3 millóns para o Bono Alugueiro Social, o que supón un 13% respecto da partida de 2020. Ademais, os menores de 35 anos poderán acceder a axudas específicas para comparar casas en concellos de menos de 5.000 habitantes ou en centros históricos.

En materia de chan industrial, destinaranse 37,3 millóns. Os principais investimentos irán ao polígono de Mouras (13,8 millóns) e á Plisan (2 millóns). Tamén destaca a renovación das bonificacións de ata o 50% para a adquisición de chan industrial, á que se destinarán 8 millóns.

XESTIÓN DE RESIDUOS

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático contará con 53,5 millóns. A esta contía, ademais, súmanse os 119,3 asignados a Sogama, que manterá o próximo ano a rebaixa dun 10% do canon aos concellos que a soliciten.

Dentro deste orzamento, a partida máis destacada son os 31,4 millóns procedentes dos fondos europeos REACT que se destinarán a mellorar a eficiencia do modelo de xestión e tratamento da recollida selectiva de residuos.

En concreto, 5 millóns irán destinados a transformar as microplantas de transferencia de Sogama. Outros 25 millóns destinaranse a fomentar a compostaxe con tres novas plantas de biorresiduos nas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo, a primeira das cales se localizará en Vilanova de Arousa. Ademais, inclúense 1,4 millóns para o tratamento de residuos sanitarios da covid-19 en Sogama.

Ademais, o próximo ano, no que se aprobará a Lei de Residuos e Chans Contaminados de Galicia, convocarase unha nova orde de axudas dirixida a entidades locais e dotada con 2,3 millóns para financiar accións de promoción da adecuada recollida e preparación dos residuos domésticos. Tamén se destinará 1,2 millóns a eliminar puntos de vertedura incontrolados.

Por último, en materia de loita contra o cambio climático, duplicarase a contía das axudas aos concellos para redactar os seus plans de acción para o clima e a enerxía (1,5 millóns).

PATRIMONIO NATURAL

Pola súa banda, a Dirección xeral de Patrimonio Natural disporá de case 37 millóns, un 5,3% máis. Entre outras cuestións, duplicaranse os fondos para a redacción de plans e instrumentos de ordenación de espazos naturais e de conservación de especies, aos que se destinará 1,7 millóns. Mantéñense axudas (3,7 millóns) para a conservación de parques naturais e a Rede Natura, así como para concellos en reservas da biosfera.

Tamén se contemplan apoios para a prevención de danos provocados por osos e lobos, así como para a protección animal. Estes últimos triplican o seu orzamento ao pasar de 125.000 euros a 440.000 para o ano 2021.

Ademais, entre outras cuestións en materia de ordenación do territorio, a conselleira informou de que en 2021 iniciarase o camiño pasa asentar un novo alicerce coa Lei de Arquitectura de Galicia co obxectivo de dispor dun marco normativo en clave galega que permita definir medidas de fomento e impulso que velen por unha calidade arquitectónica e urbanística para todas as actuacións que se executen nos espazos públicos.

A OPOSICIÓN CRÍTICA FALTA DE EXECUCIÓN

En fronte, os grupos da oposición coincidiron ao criticar a "falta de execución orzamentaria" que, segundo denuncia BNG e PSOE, caracterizou ao departamento en anteriores exercicios.

Neste sentido, a deputada do BNG Alexandra Fernández considerou que "as partidas que se recollen no documento son na súa maior parte ficticias" xa que, "ano tras ano", "incúmprese" a súa execución. Así, sostivo que en materia de acceso á vivenda, promoción do chan e rehabilitación executouse, "en conxunto", "menos da metade do que esta previsto".

Pola súa banda, ademais de afear a falta de execución, a socialista Paloma Castro censurou que a Xunta "leve descolgada desde 2009" da loita contra o cambio climático á que non lle dá "a mínima importancia".

En fronte, a popular Marisol Díaz celebrou que se trate dos "orzamentos máis altos da historia" para esta consellería e que poidan ser aprobados "sen mercadear condicións que nada teñen que ver coas necesidades dos cidadáns", en referencia ás negociacións do Goberno central para sacar adiante o PGE.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, na súa comparecencia no Parlamento. XUNTA/CONCHI PAZ / Europa Press
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, na súa comparecencia no Parlamento. XUNTA/CONCHI PAZ / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Antoñita La Fantástica (Anxos a Pataconeira) con 130 M vai deixar o país niquelado ! https://twitter.com/00Gamela/status...