Unha muller denuncia "total desprotección" tras encausar o seu home por violencia de xénero

Acusa do seu desamparo ao Centro de Información á Muller (CIM) da Coruña, que segundo denuncia, logo de "dous meses" aínda non tramitou o seu caso. Pola súa banda, o Concello da cidade asegura que os servizos se prestan "coa maior profesionalidade" e nega retrasos na lista de agarda.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2020 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

"Non hai ningunha axuda social tramitada, non teño botón de alarma para protexerme e estou practicamente sen saír á rúa". Esta é a situación na que di atoparse María [nome ficticio para preservar a súa identidade] logo de tramitar unha denuncia contra o seu marido por un caso de violencia de xénero hai dous meses na cidade da Coruña.

Campaña Compostela en Negro contra a violencia machista. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA - Arquivo
Campaña Compostela en Negro contra a violencia machista. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA - Arquivo

Desta maneira, co seu presunto maltratador "en paradoiro descoñecido", "sen tomar a medicación psiquiátrica correspondente" e en posesión, segundo indica a propia muller, dunha "pistola de balíns", tanto ela coma o seu fillo menor de idade -cunha dicapacidade do 65%- atópanse "totalmente desprotexidos", asegura ela, que acusa directamente do seu desamparo ao Centro de Información á Muller (CIM) da Coruña. Este trátase dun servizo público dependente dos respectivos concellos que nace co obxectivo de apoiar e dar confianza ás mulleres en situación de vulnerabilidade psicolóxica ou económica. 

Con todo, segundo explica María, que prefire manter o seu anonimato por seguir envolta en procesos xudiciais contra a súa parella, "tras dous meses de ter interposta a denuncia", o CIM da cidade "non acaba de resolver administrativamente se darme a condición de vítima de violencia de xénero ou non; e cada vez que chamo, contéstanme que volva intentalo máis tarde". "Logo ás mulleres agrédennos ou mátannos e ninguén sabe nada nin ninguén é responsable", sentenza.

E é que trala celebración do xuízo rápido que resolveu o arquivo da causa, "o Xulgado da Muller tampouco tramitou sequera o recurso presentado xa hai dous meses", explica María, que denuncia, igualmente, "irregularidades" no tratamento do seu caso nos xulgados, xa que non se permitiu declarar a unha das persoas do entorno máis achegado á parella. "O trato foi nefasto, parece que no xulgado non atendan practicamente ningún caso a non ser que vaias en ambulancia", sentenza.

SEN LOCALIZADOR ANTE UNHA POSIBLE AGRESIÓN

Tal e como indica María, unha vez iniciada a comunicación co Centro de Información á Muller, nin na primeira cita presencial nin na segunda cita "que converteron en telefónica" chegaron a tramitarlle o ATEMPRO, un localizador que ofrece unha atención inmediata ás vítimas de violencia de xénero ante as eventualidades que lles poidan sobrevir. Unha terceira cita aínda non se produciu, e é que "a lista de espera do centro supera os dous meses", indica. 

"Por parte do Centro de Información da Muller non hai présa nin intención", expón a muller, que denuncia, ademais, que "non foi informada" pola traballadora social sobre as axudas económicas ás que ten dereito nin sobre a situación na que queda o seu fillo, que chegou a "interpoñerse" entre os seus pais nunha das últimas discusións e que sofre unha "vulnerabilidade" dobre polo seu estado de saúde e pola situación familiar. Ademais, a muller asegura que o cativo se atopa nunha situación de "abandono" por parte do seu pai, "que non pasou nin a primeira manutención". 

Así pois, durante a chamada telefónica coa traballadora social, a sensación era "que quería rematar rapidamente o trámite e punto", denuncia a muller. "Nin sequera se interesou polos detonantes que provocaron a situación familiar na que estamos agora". 

CONCELLO DA CORUÑA

Tralo coñecemento deste caso, Galicia Confidencial púxose en contacto con fontes do Concello da Coruña para averiguar as condicións nas que funciona o Centro de Información á Muller. Dende a administración aseguran que os servizos do CIM se prestan "coa maior profesionalidade posible" e que "o que se concede e o que non depende de informes xurídicos". Ademais, indican que os retrasos nas listas de espera "non son certos". Segundo explican, os servizos de atención psicolóxica, de traballadores sociais e de asistencia legal "funcionan realmente ben, e no segundo mesmo se reduciu enormemente a espera porque se incrementou o persoal". "Nos outros dous a espera é igual á do goberno anterior", engaden.

Pouco despois desta conversa co Concello da Coruña, María recibiu unha chamada do servizo do Centro de Información onde lle ofreceron unha cita presencial e onde lle deron a posibilidade, mesmo a través do correo electrónico, de firmar a autorización para activar o localizador, dous meses despois de ter interposta a denuncia. Con todo, ata comezos do próximo ano non lle serían tramitadas as axudas económicas que se barallan pola súa situación.

MAREA ATLÁNTICA: "O CIM FICA ABANDONADO"

O grupo da oposición Marea Atlántica tamén se manifestou nestes días ao redor da polémica do Centro de Información á Muller da cidade da Coruña. Nun comunicado de prensa ofrecido o propio 25 de novembro, día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, Marea Atlántica indica que o "CIM fica abandonado polo PSOE desde hai 18 meses” e que as listas de agarda rondan os "dous meses". Ademais, denuncia "os graves recortes do goberno municipal en políticas de Igualdade".

E é que segundo indican, dende a toma de posesión da alcaldesa Inés Rey, "non só o CIM sufriu as consecuencias destes recortes": "Desapareceron os programas de promoción da igualdade contra as violencias machistas no ensino, desmantelouse a Escola de Empoderamento Feminista, non se convocou nin unha soa vez o Consello Municipal de Igualdade para escoitar os colectivos feministas, e incúmprese sistematicamente a Ordenanza Municipal de Igualdade", recollen no comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta