Denuncian ante a valedora "escaso cumprimento" da lei de contratación pública para centros de iniciativa social

A Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal) traslada a súa preocupación.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/11/2020 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

O presidente da Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez Freire, trasladou á valedora do Pobo a súa preocupación "polo escaso cumprimento" da lei de contratación pública de 2018 por parte das administracións, en concreto no que se refire a a reserva de carga de traballo aos centros de iniciativa social.

Reunión da valedora e o presidente de Cegasal.
Reunión da valedora e o presidente de Cegasal.

Vázquez Freire explicou a María Dolores Fernández Galiño que esta situación "se viu agravada" coa pandemia. De feito, sinala que "desde a declaración do estado de alarma ata a primeira quincena do mes de setembro rexistrouse un descenso do 56% na contratación de traballadores con discapacidade con respecto ao mesmo período de 2019" e engade que son as persoas maiores de 55 anos "as máis afectadas, cunha baixada do 71% nas contratacións".

Así mesmo, José Antonio Vázquez Freire solicitou á valedora "o seu apoio para que as institucións públicas prioricen nos seus contratos os centros de emprego sen ánimo de lucro fronte aos que si o teñen".

"Todos os beneficios que obteñen as empresas que representamos reinvístense en máis postos de traballo, máis liñas de actividade ou mellores condicións económicas para os empregados", destacou.

Neste sentido, o presidente de Cegasal apuntou que os seus centros "non buscan facer negocio coas persoas con discapacidade, senón facilitar unha saída profesional a xente que ten moi difícil o seu acceso ao mercado laboral".

Tamén recoñeceu o "paso atrás" que deu a economía social por culpa do coronavirus, á vez que insistiu na necesidade de que se reactive a mesa de seguimento dos contratos reservados a centros de iniciativa social, "paralizada desde hai varios meses pola crise sanitaria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta