A Galicia do minifundio empresarial: 30 anos na CEG marcados polos escándalos

Ramilo, Fontenla ou Fernández Alvariño foron presidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) nos últimos trinta anos. Todos eles acabaron as súas presidencias rodeados de polémicas e, nalgúns casos, coas súas empresas afundidas. Algúns deles seguen tentando dominar a CEG, mentres os grandes fondos de investimentos estranxeiros se fan donos do país.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) leva 40 anos de vida. Catro décadas nas que lonxe de cimentar un poder sólido nas estruturas empresariais de Galicia, esta organización consumiuse en liortas internas que amosan claramente o seu minifundismo empresarial e, sobre todo, a imposibilidade de ter actores económicos potentes en Galicia que, como fan en Cataluña ou Euskadi, miren polos intereses do país.

Feióo con empresarios do Círculo Empresarial de Galicia
Feióo con empresarios do Círculo Empresarial de Galicia | Fonte: Twitter CEG

Os problemas da CEG comezaron case desde o seu nacemento en 1981 polas grandes diferencias das confederacións provincias, especialmente, a da Coruña e Pontevedra, pero, sobre todo, comezaron a cronificarse na década dos noventa. Antonio Ramil, primeiro, e Antonio Fontenla, despois, inauguraron un xeito de facer na organización que a lastrou, que continuou despois Fernández Alvariño e que rematou por dividir aínda máis ao debilitado entramado empresarial galego. Un empresario galego que non se renova e que alterna entre círculos empresariais de cidades, cámaras de comercio e confederacións provinciais.

RAMIL, FONTENLA E ALVARIÑO

Antonio Ramilo, político e empresario, foi alcalde de Vigo en 1970, aínda en época franquista e, posteriormente, dirixente de Acción Democrática Española e senador de AP. Como empresario foi presidente da empresa granitera Ramilo S.A., accionista de Aguas de Mondariz e do extinto grupo Mar e socio da empresa de precociñados Procsa. Fundador da Confederación de Empresarios de Pontevedra e da CEG, que acabaría presidindo en 1991. Ramilo deixou o cargo no 2000 tras descubrirse irregularidades contables na entidade ao ser acusado dun presunto desfalco con cursos de formación da Xunta no 2000 por valor de 6,3 millóns de euros.

Precisamente, as irregularidades tamén marcaron o mandato do seu sucesor, Antonio Fontenla, que chegou ao poder das mans do poderoso lobby das construtoras que tanta influencia tiñan na chamada burbulla inmobiliaria. A través de Construcciones Fontenla realizou cuantisoso traballos, especialmente, na Coruña de Francisco Vázquez, que lle concedeu varias obras. Unha delas acabou no xulgado nun caso no que foi acusado de tráfico de influencias e que acabou, finalmente, arquivado.

Fontenla e Alvariño logo das eleccións á CEG en 2009
Fontenla e Alvariño logo das eleccións á CEG en 2009 | Fonte: EP

Estivo no cargo ata 2013, pero durante o seu mandato tamén non faltaron outros escándalos, entre eles, a do famoso plan Pexga para promover a internacionalización das empresas galegas no exterior e que dotou ao CEG de importantes fondos económicos que serviron, entre outras cousas, para pagar cuantiosas facturas en viaxes, comidas, regalos e obras. A súa carreira á fronte da CEG rematou ao tempo que tamén quebraba Construcciones Fontenla, liquidada cunha débeda de máis de 40 millóns.

E a época do seguinte presidente, José Manuel Fernández Alvariño, non foi moito mellor. Alvariño chegou ao cargo como presidente da potente Confederación de Empresarios de Pontevedra e como presidente do Grupo Fernández Alvariño, empresa familiar adicada ao sector do automóbil, á informática e á enerxía fotovoltacia. Desde a chegada o poder xa se fixeron evidentes as diferencias entre os empresarios do norte e do sur de Galicia que remataron co empresario vigués dimitindo tras acusalo de realizar, desde a CEG, contratacións con empresas do seu grupo. 

GUERRA ABERTA

Unhas acusacións que supuxeron o inicio dunha guerra aberta entre os distintos sectores empresariais e que levan paralizando á CEG ata hoxe. Polo medio houbo intentos de reconciliación que fracasaron estrepitosamente, así como os pactos entre confederacións. 

Tras a dimisión de Alvariño convocáronse eleccións en xaneiro de 2016 que gañou o ourensán Antonio Dieter Moure. Pero non durou un ano no cargo. Aínda que alegou motivos persoais, os problemas no seo da patronal foron clave na súa saída. Novas eleccións en xaneiro de 2017 que gaña o construtor coruñés Antón Arias. Tampouco durou un ano no cargo. No seu día pretendeu reformar os estatutos e baseouse nese fracaso para xustificar a súa saída. Por aquel entón, dixo que esperaba que a súa decisión servise como "catarse" para que os integrantes da patronal pensasen "máis nos intereses do conxunto que en intereses persoais". Ninguén lle fixo caso.

Desde entón, a CEG leva varios intentos de eleccións; en xaneiro de 2018, logo en xullo dese ano e en setembro de 2019. Ningúen quería presentarse e, mentres, Fontenla, en representación da CEC, exercía como portavoz da entidade, a pesar dos seus evidentes problemas coa CEP. Finalmente, e tras novos atrasos pola covid, houbo eleccións este mes e, novamente, remataron cun sonoro fracaso. Un presidente, José Manuel Díaz Barreiros, de Ourense, que nin durou unha semana no cargo. Dimitiu tras acusacións de eleccións "irregulares" e tras apartarse no último minuto o candidato alternativo. Unha maniobra que demostra que os pactos entre os distintos sectores non serviron para nada.

O enésimo fracaso da CEG pode acabar, definitivamente, con esta entidade. As tensións internas traducíronse nunha perda de visibilidade da organización ante a aparición doutras institucións, e mentres uns e outros xogan a manter a leiriña, as transnacionais e os grandes fondos de investimento estranxeiro estanse a facer donos das grandes empresas do país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Efectivamente todos entraron na CEG para resolver os seus asuntos á vez que crearon unha enorme débeda patrimonial que ninguén quere xestionar a día de hoxe ! Fernández Alvariño cando Mariano Rajoy creou o "Imposto ao Sol" xusto nese momento Alvariño obtivo unha concesión para explotar enerxía solar montando un parque solar nos tellados da súa concesionaria de coches en Vigo ! Nesta historia falta un persoaxe moi cuco que é o Presidente da Cámara de Comercio de Vigo e ata hai un mes o responsable da quebra do asteleiro Barreras (Pemex) e agora forzaron a súa demesión vía venta do 20% das accións que aínda retiña no seu poder García Costas leva toda a vida mangoneando o empresariado de Vigo-Pontevedra co apoio na sombra de Fernández Alvariño ! Sol Salfer https://www.google.com/maps/d/viewe... A ver cando GC entrevista a Amancio Ortega e lle pregunta por que non preside a CEG ?

1 Gamela

En relación co artigo de Suso Veiga http://www.galiciaconfidencial.com/... habería que responder que os problemas son ESTRUCTURAIS e que sen dúbida o empresariado galego ten o costume de resolver os seus intereses nos Despachos Políticos Por Libre !!! Volvo perdirlle a GC que intente entrevistar a Amancio Ortega e que lle pregunte a súa opinión sobre a CEG e todo o demáis, especialmente agora que van chegar os millóns de Europa e haberá bofetadas para metelos no bolsillo (?) Estou convencido que Amancio daría a súa opinión desinteresadamente !!!