O avogado do Concello de Sada cre que o xulgado impedirá a retirada de bens do pazo de Meirás

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña celebra unha vista ante a oposición da familia Franco.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 02/12/2020 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O avogado do Concello de Sada, Miguel Torres, mostrouse esperanzado en que o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña impida, tras a vista que se celebra este mércores, a retirada dos bens do pazo de Meirás por parte da familia Franco e que se realice un inventario de todos eles.

O letrado asegurou a xornalistas na entrada á vista que se celebra no antigo edificio da Audiencia Provincial da Coruña, que "por suposto" cre que o xulgado manterá, a petición da Avogacía do Estado, as medidas cauteladas decididas pola xuíza coas que, dixo, o Concello está de acordo.

O avogado lembrou que a administración local sadense xa solicitara un complemento do auto da xuíza "para que se determinasen que bens estaban afectos a un valor ou contido histórico" e que pasasen así a formar parte do Ben de Interese Cultural (BIC) que xa é o propio inmoble, pero "foi denegado".

O avogado da familia Franco, Antonio Eduardo Gil Evangelista, e os da Xunta, o Estado e o Concello da Coruña accederon ao edificio xudicial coruñés por separado e sen realizar declaracións aos medios de comunicación alí congregados minutos antes de que comezase a vista.

INVENTARIO

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña celebra a vista ante a oposición da familia Franco á medida cautelar que ordena inventariar os bens do pazo de Meirás e impide a súa retirada ata que a xuíza non o ditamine.

Ademais, os Franco solicitaron ao xulgado que se aprace a data do 10 de decembro para a entrega do pazo e solicitan outra de "polo menos dous meses" para a retirada dos bens.

Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo

ROMÁN RODRÍGUEZ

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, confiou en que "prevaleza o sentido común" e o "sentir xeral" de todos os galegos na vista sobre as medidas cautelares ditadas en relación ao Pazo de Meirás, que se celebra este mércores, polas que se ordenou inventariar os bens e impedir a súa retirada ata que por parte da xuíza non se ditamine o contrario.

A preguntas dos medios, o titular de Cultura confiou en que a situación permita "preservar o maior volume posible" do patrimonio cultural e histórico que se atopa no seu interior, desexo que se enmarcan accións como a recente declaración BIC con "incoación exprés" sobre a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

Doutra banda, avanzou que a Xunta recibiu este martes unha comunicación por parte de Facenda para crear unha mesa de diálogo na que poder planificar e "falar conxuntamente" para buscar uns usos que "permitan dignificar as Torres de Meirás como elemento patrimonial".

Rodríguez lembrou que a concepción orixinal das torres "foi deturpada no seu momento polo Franquismo", polo que ve necesario abrir un proceso de diálogo con todos os axentes necesarios para "convertelo nun espazo para a promoción da cultura e a creación".

Sobre o caso particular das estatuas do Mestre Mateo, o conselleiro de Cultura remitiuse á comisión de expertos impulsada pola Xunta e o Concello de Santiago, e insistiu en que espera que estes traballos permitan "chegar a bo porto con esta reclamación lóxica e de xustiza", como é a súa devolución ao patrimonio público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta