A Xunta rexeita un plan de memoria histórica: "Hai que estar ás necesidades actuais"

A directora xeral de Relacións Institucionais apela a traballar coa vista en "presente e futuro" e con "consenso", co exemplo de Meirás.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2020 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, rexeitou a petición dos socialistas, defendida pola deputada Paloma Castro, de impulsar un plan para a recuperación da memoria histórica e unha partida específica nos orzamentos autonómicos de 2021 para "cumprir coa Lei de Memoria Democrática".

No marco da Comisión Institucional do Parlamento de Galicia, García-Señoráns defendeu o labor realizado na Comunidade, onde, asegurou, "están a darse pasos adiante", e tras defender que a memoria histórica se aborda con "transversalidade" nos departamentos da Xunta, replicou que a proposta do PSdeG "non achega nada".

Así as cousas, tras afear ao PSdeG que se sitúe no "pasado", defendeu que a Xunta está "ás necesidades máis actuais e urxentes" dos galegos, e apuntou que os orzamentos "históricos" da Comunidade están deseñados para enfrontar a pandemia, impulsar a recuperación económica e o emprego, e atender ás familias no plano social.

Pola súa banda, Paloma Castro acusou ao Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo de "ocultar unha falta de respecto total cara á historia e as súas vítimas". "Non podemos mirar para outro lado, temos que pechar feridas porque non hai pobo en Galicia no que non fose 'paseado' algún veciño, e os seus restos sigan enterrados nalgunha fosa, cunetas, nos montes ou en tapias de cemiterios", sentenciou.

"CONSENSO"

A directora xeral cuestionou o ton da parlamentaria socialista e remarcou que o Executivo galego aposta pola cooperación entre institucións --cos concellos e o Goberno central--, así como por traballar desde o "consenso". Facelo, remarcou, deu resultados "francamente satisfactorios". Como exemplo, García-Señoráns aludiu á sentenza sobre a recuperación para o patrimonio público do Pazo de Meirás, e a outros traballos como os vinculados coas esculturas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo ou a Casa Cornide.

Sobre o Pazo de Meirás, lembrou que a Xunta "xa pediu a súa xestión ao Estado", igual que xa incoou o expediente para a declaración urxente como Ben de Interese Cultural (BIC) da Biblioteca de Emilio Pardo Bazán. Pola súa banda, a parlamentaria socialista criticou o "cinismo" do Goberno galego, que "se enche a boca" ao reivindicar a recuperación do Pazo pero "permite a súa xestión por parte da Asociación Francisco Franco, que a usa para facer apoloxía".

"O mesmo Goberno que permitiu suspender as visitas ao Pazo para realizar unha mudanza que era un novo intento de subtraer o noso patrimonio", resolveu.

Exhumación dos restos dos catro guerrilleiros asasinados polo franquismo en Val do Dubra
Exhumación dos restos dos catro guerrilleiros asasinados polo franquismo en Val do Dubra | Fonte: Lentes Diverxentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta