Un de cada catro novos parados en España en novembro está en Galicia, advirten os sindicatos

O PP destaca que Galicia conta con 4.157 parados menos que ao comezo do impacto da pandemia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2020 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

En torno ao 25% dos novos parados rexistrados nas oficinas de emprego de España en novembro está en Galicia, segundo advirten os sindicatos. En concreto, a CIG avisa de que a comunidade galega foi a autonomía en que máis creceu o desemprego en termos absolutos, con 6.165 persoas máis.

Galicia foi ademais, segundo resalta nun comunicado de prensa a central nacionalista, a segunda en que máis se incrementou o paro en termos relativos. Unha evolución que o secretario confederal de emprego, Fran Cartelle, cualifica de "nefasta" e que afecta a todas as provincias e a todos os sectores.

Pola súa banda, UGT, mediante outra nota de prensa, alerta de que unha campaña de Nadal "baseado na precariedade non contribuirá á recuperación". Por iso, di que resulta "imprescindible" manter os expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE) "o tempo necesario para soster a demanda interna".

Por último, CC.OO. incide en que un de cada catro novos desempregados é galego e reclama medidas para o mantemento do emprego.En novembro, o desemprego aumentou en Galicia en 6.165 persoas, un incremento do 3,4%, que quintuplica o dato estatal, que foi do 0,66%.

Oficina da Seguridade Social
Oficina da Seguridade Social | Fonte: EP

PP

Pola súa banda, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destaca que Galicia conta con 4.157 parados menos que ao comezo do impacto da pandemia do coronavirus. Ademais, a través dunha nota de prensa, subliña que a creación de emprego é "un eixo fundamental dos orzamentos da Xunta para 2021".

Lamenta, neste sentido, que os orzamentos xerais do estado, que tacha de "extremistas", estean, segundo di, "pensados só para satisfacer aos socios de Sánchez" e que "non atendan ás necesidades reais dos profesionais e das empresas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta