O bambán máis alto de Galicia está en Vilariño de Conso

O concello está a promover nas redes sociais a colocación deste aparello nun dos seus miradoiros, con vistas espectaculares a un parque natural, na Vía da Prata e a mil metros de altitude.

Por X.M. Fernández | Vilariño de Conso | 04/12/2020 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

O Concello de Vilariño de Conso vén de investir unhas subvencións da Xunta de Galicia para acondicionar varios miradoiros aproveitando tamén que por aquí pasa a Vía da Prata. Nun deles, quizais o máis espectacular, decidiron poñer un bambán como reclamo e promover a iniciativa nas redes sociais para darlle máis visibilidade e que a xente que vaia velo se faga ‘selfies’ nel.

Miradoiro con bambán en Vilariño de Conso. Foto: Martha Fernández
Miradoiro con bambán en Vilariño de Conso. Foto: Martha Fernández

Segundo nos comenta a alcaldesa, Melisa Macía, o obxectivo desta acción é “mellorar e acondicionar o Camiño de Santiago e á vez facer un reclamo turístico para que visitantes e peregrinos leven unha imaxe única”, e engade “trátase do único columpio de Galicia en altura a 1.000 metros e con vistas a un parque natural”.

Estes días están facendo unha campaña en redes sociais para dalo a coñecer tras rematar as obras de acondicionamento. Con esta acción promocional queren crear intriga preguntando a ver se a xente sabe en que miradoiro do concello se colocou o bambán e convidan a visitalo e facerse un ‘selfie’ para compartir coa etiqueta #destinovilariño. “A xente de aquí ben o sabe pero os de fóra non e os peregrinos que pasen por aquí van levar unha sorpresa ao velo”, comenta a alcaldesa deste concello ourensán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta