A estrada entre Ferrol e Mañón contempla unha primeira fase de investimento por 7,2 millóns en seguridade

Segundo o proxecto desta obra está previsto rectificar as curvas de radio máis reducido, así como ampliar a calzada para habilitar un terceiro carril de adiantamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2020 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Movilidade, Ethel Vázquez, asistiu ao comezo das obras de mellora da estrada AC-862, que une Ferrol con Mañón, no seu límite con Lugo, e cuxa primeira fase se desenvolverá entre os municipios de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Cedeira, ao longo de 18 quilómetros, co investimento por parte da Xunta de 7,2 millóns de euros.

Nun acto desenvolvido nas proximidades da piscina municipal de San Sadurniño no que a integrante do Goberno galego estivo acompañada, entre outros, polo rexedor desta localidade, Secundino García (BNG), ademais da alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy (BNG) e o de Cerdido, Benigno Galego (PSOE), Vázquez destacou "unha actuación ambiciosa que mellorará a mobilidade e reforzará a seguridade viaria". Uns traballos que se desenvolverán ao longo do ano 2021 "para polos canto antes ao servizo dos veciños".

ACTUACIÓNS

Segundo o proxecto desta obra está previsto rectificar as curvas de radio máis reducido, así como ampliar a calzada para habilitar un terceiro carril de adiantamento ao longo de case catro quilómetros, nas zonas de subida. Tamén mellorarán as interseccións e os xiros á esquerda, así como a revisión de toda a sinalización vertical e horizontal.

A conselleira de Infraestruturas e Movilidade aproveitou esta visita para trasladar en que estado está a segunda fase deste viario, que irá desde Campo do Hospital (Cedeira) a Ortigueira, "cuxo proxecto está en redacción e prevese someter a información pública a comezos de 2021, para completar a mellora integral do itinerario entre Ferrol e Ortigueira, cun investimento de case 13 millóns de euros".

Para esta actuación, que xa discorrería integramente pola comarca do Ortegal, exponse tamén a rectificación de curvas, a instalación de cunetas de seguridade e a habilitación dun terceiro carril de adiantamento en boa parte do seu percorrido.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, na súa visita ás obras de San Sadurniño
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, na súa visita ás obras de San Sadurniño | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta