O Kickboxing galego quédase sen árbitros

O Colectivo de Árbitros de Kickboxing de Galicia esixe unha "profunda renovación" na Federación para regresar aos tatamis.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2020 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

O Colectivo de Árbitros de Kickboxing de Galicia comunicou o pasado 4 de decembro a decisión de suspender o seu labor e a súa participación nas futuras competicións autonómicas debido á xestión 'arbitraria' da Federación Deportiva Galega de Kickboxing "durante os últimos anos".

Un intre dun combate de boxeo
Un intre dun combate de boxeo | Fonte: Miguel Núñez

As actuacións levadas a cabo pola actual xestora que rexe a Feredación, presidida por Rubén Batán, foron "a gota que colmou o vaso", segundo o colectivo, que defende que a Federación está a levar a cabo unhas "directrices arbitrarias" que confirman que "continúan as prácticas que afectan ao desenvolvemento xusto, limpo e imparcial do deporte kickboxing".

DIMISIÓN DA PRESIDENTA EN MAIO

A decisión foi tomada nun contexto de crispación que se remonta a maio deste ano, cando a presidenta da Federación, María Josefina González, presentou a súa dimisión, coincidindo coa finalización da inhabilitación xudicial do seu marido "polas constantes denuncias entre competidores, pais e clubes deportivos", defende o colectivo.

A dimisión deu lugar a unha Xunta Electoral na que saíu elixido Cipriano Gomés, o marido da antiga presidenta, nunhas eleccións celebradas unicamente no seno da Asamblea. Por isto, o cargo foi recurrido tras unha denuncia ante o Comité de Xustiza Deportiva de Galicia, o que deu lugar a unha comisión xestora provisional presidida por Rubén Batán.

Dende o Colectivo de Árbitros de Kickboxing de Galicia denuncian que, a pesar da implantación dunha xestora 'independente', as actuacións da Federación seguen a ser 'arbitrarias', polo que "ata que non haxa unha renovación profunda na Federación, non retomaremos a actividade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta