A nova lei de saúde comeza a súa tramitación urxente entre críticas por "delimitar dereitos fundamentais"

BNG e PSdeG chamaron a atención sobre que se recorra ao Grupo Parlamentario do PPdeG para presentar o texto, no canto de que o faga a Xunta, co fin de "saltarse todos os informes preceptivos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2020 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento galego comezou este mércores a tramitación pola vía de urxencia da reforma da lei de saúde que endurece o réxime sancionador ante a pandemia, nun debate no que a oposición mostrou o seu rexeitamento a este texto por "delimitar dereitos fundamentais" e supor un "estado de alarma permanente".

Na toma de consideración da norma, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu que esta lei --que reforma un texto de 2008-- é das "máis importantes" que se tramitarán esta lexislatura, posto que busca "cubrir lagoas e carencias da lexislación vixente para loitar mellor contra a pandemia". Así, sostén que "se fai necesario dar certezas legais".

De tal forma, a futura lei continúa coa súa tramitación só cos votos a favor do PPdeG. Está previsto que se aprobe a comezos do ano que vén e entre en vigor a partir de febreiro.

Neste sentido, Pedro Puy resalta que é necesario lexislar ante unha epidemia que se prevé "longa" porque o marco normativo sanitario "non estaba preparado", á vez que esta situación pode ser "recorrente" en próximos anos.

O texto aborda, entre outras cuestións, as medidas que pode adoptar o Goberno galego en situación de pandemias, as sancións polo incumprimento da normativa --con delimitación das competencias de cada administración-- ou a intervención das residencias de maiores --para o que, por exemplo, simplifícanse os trámites administrativos--.

RÉXIME DE SANCIÓNS "MÁIS CLARO"

O portavoz popular sinala que se aposta por medidas "temporais, transparentes e motivadas", cun réxime sancionador "máis claro e máis completo" que evite que as normas non se cumpran porque "non se fan efectivas".

Tras soster que o uso do estado de alarma foi "óptimo" nun primeiro momento, Puy avisou dos problemas xurídicos "obvios" que carrexan as decisións pola pandemia. Pon de exemplo como o TSJ de Madrid chamou a atención acerca da necesidade de lexislar no canto de recorrer a ordes ministeriais, á vez que lembra a negativa do Estado a conceder a Asturias o confinamento domiciliario.

Pedro Puy referiuse ao rexeitamento a reformar a lei orgánica estatal de saúde para apuntar á necesidade de levar a cabo esta modificación da norma galega ante a "evidencia de facer reformas".

Así, evítase a "improvisación", redúcense incertezas", proponse unha interpretación "máis homoxénea" dos tribunais e "resólvense" problemas competenciais no campo das sancións. Ademais, pide á oposición achegas "útiles" para mellorar "entre todos" "como actuar ante unha pandemia coa lei na man".

No texto, fíxanse diferentes sancións, entre as que se atopan multas de ata 60.000 euros por saltarse un illamento. Esta nova lei establece tres tipos de infraccións: leves (de 1.000 a 3.000 euros), graves (de 3.001 a 60.000 euros) e moi graves (de 60.001 a 600.000 euros).

O rexeitamento a vacinarse ou facerse probas está estipulado como leve (entre 1.000 e 3.000 euros) no caso de que as repercusións tivesen unha "incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación", pero poden pasar a graves ou moi graves en función do dano ocasionado. A multa por non levar máscara márcase nun mínimo de 100 euros, coa posibilidade de incremento en función do incumprimento.

A OPOSICIÓN ESTÁ EN CONTRA "EN FONDO E FORMA"

En fronte, a oposición mostrouse en contra desta lei "en fondo e forma". Unha das cuestións sobre a que chamaron a atención tanto BNG como PSdeG é que se recorra ao Grupo Parlamentario do PPdeG para presentar o texto, no canto de que o faga a Xunta, co fin de "saltarse todos os informes preceptivos", pois sería "máis que dubidoso que fosen favorables (eses informes)" a restrinxir dereitos nunha "lei ordinaria" de sanidade, avisa a deputada nacionalista Montse Prado.

Nesta liña, Xullo Torrado (PSdeG) afeou esta "manobra parlamentaria estraña" por parte dos populares, que identifica con "certo delirio bolivariano". Cre que pode ser necesario implantar un réxime sancionador pero "non unha modificación da lei de saúde" para dar lugar a un "estado de alarma permanente", no que identifica cunha "deriva autoritaria".

E é que Montse Prado (BNG) avisou de que o PPdeG "non pretende mellorar a saúde" dos galegos con esta lei, senón unha "delimitación gravísima de dereitos fundamentais", o que tacha de "inasumible e inaceptable". Por este motivo, a seguridade xurídica da lei "queda máis que en dúbida".

Carga contra unha lei "coercitiva" que se traduce nun "recorte" de dereitos e liberdades, que impulsa un "estado de alarma permanente" con medidas "o tempo que sexa necesario" sen garantías xurídicas, mentres "non establece ningunha obrigación de render contas ao goberno". "É todo tremendamente democrático", ironiza. Un dos puntos que Prado ve un "auténtico despropósito" é que "todo o mundo convértese en autoridade sanitaria".

A continuación, Prado recriminou que os populares só propoñan medidas "coerctivas" con sancións de contías "obscenas de ata 600.000 euros", pero sen "ningunha" proposta en relación coa mellora do rastrexo, o cambio de modelo de residencias ou o reforzo do sistema sanitario público despois da "deterioración brutal" co PP.

Pola súa banda, Torrado avisa de "cuestións de fondo preocupantes" como a delimitación da autoridade sanitaria, pois se converte nela ata o "veciño do quinto". Por todo iso, o deputado socialista bota en falta informes xurídicos para coñecer se se pode levar a cabo unha reforma dunha lei autonómica que afectan a "dereitos fundamentais".

VACINACIÓN OBRIGATORIA?

No tocante á vacinación, Torrado dixo que o PSdeG cree "máis na concienciación que na obrigatoriedade". "Non hai un problema antivacunas en España", gabia, pois o que hai é "un problema de pobreza", debido a que a non vacinación garda relación coa contorna socioeconómicos.

Aquí, o deputado socialista pon en dúbida que a lei estableza que "calquera autoridade sanitaria pode ordenar isto", "aínda que siga existindo incerteza científica".

Sobre este tema, Montse Prado mostrouse en contra da obrigatoriedade da vacinación, coma se "fose un problema" en Galicia, onde é "máis ben ao contrario". Relata como familias tenderon que viaxar a Portugal a comprar doses contra a gripe pola súa escaseza na comunidade.

Na súa quenda de réplica, Puy aclarou que esta lei "non pon obrigatoria" a vacinación fronte ao coronavirus, senón que "prevé como vacinar" no caso de que o Estado decide a súa obrigatoriedade, extremo descartado polo momento polo ministro de Sanidade, Salvado Illa.

Votación da toma en consideración da reforma da lei de saúde no Parlamento galego
Votación da toma en consideración da reforma da lei de saúde no Parlamento galego | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta