A Xunta asegura que o recorte de cotas en pesca que propón Bruxelas suporá perdas de 30 millóns

O recorte afectará aos barcos que faenan no Cantábrico-Noroeste e afectaría a máis de 2.300 tripulantes de diferentes frotas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2020 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, cifrou en 30 millóns de euros o impacto en Galicia do recorte de cotas que propón Bruxelas para o Cantábrico-Noroeste en 2021, o que exclúe aos caladoiros de Gran Sol e Francia á espera das negociacións sobre o Brexit.

A Xunta realizou un informe no que se recolle que 12,5 millóns desa cifra corresponderíanse coa afectación en primeira venda de produtos do mar e afectaría a máis de 2.300 tripulantes de diferentes frotas, cunha redución nos seus salarios de máis de 4,6 millóns.

O documento trasladado ao Goberno central --no Consello Consultivo de Política Pesqueira celebrado este mércores en Madrid-- de cara á fixación de posibilidades de pesca para o ano que vén estima que o impacto potencial na frota española que faena no Cantábrico-Noroeste sería de preto de 23 millóns de euros e que Galicia soportaría o 60% deste descenso.

Segundo informa a Xunta nun comunicado, nesta reunión perfilouse o posicionamento de España para as negociacións da próxima semana no Consello de Ministros de Pesca da UE no que Galicia representará ás comunidades autónomas da man do Ministerio de Pesca.

Este encontro é decisivo para a frota pesqueira, segundo destaca Rosa Quintana, xa que nel negociaranse as posibilidades de pesca de 2021, o ano no que se deberá conseguir ou consolidar o Rendemento Máximo Sustentable (RMS) en todas as especies co deber de desembarque de capturas, ademais do posible impacto do Brexit e a pandemia da covid.

Neste sentido, a proposta da Comisión Europea que se tomará como punto de partida para estas negociacións dos Totais Admisibles de Captura (TAC) "é negativa para España", pois inclúe a redución das capturas no caladoiro Cantábrico-Noroeste que chegan ao 13% nos casos da pescada sur e do rape, así como ao 11% no caso do galo.

Nesta liña, Rosa Quintana fai fincapé na importancia de ter en conta os aspectos socioeconómicos ademais dos ambientais á hora de fixar as posibilidades de pesca, sobre todo ante a situación derivada da alerta sanitaria polo coronavirus. Ademais Galicia defende a necesidade de que haxa flexibilidade na xestión das pesqueiras polo bo comportamento dos caladoiros nos que faenan as frotas española e galega.

En relación ás especies de augas profundas, como o ollomol e o sabre negro, entre outras, Galicia defende unha vez máis a eliminación dos TAC, pois son poboacións de peixes sen actividade dirixida, é dicir, adoitan ser accesorias da actividade pesqueira, polo que son de escasa relevancia de captura e sen riscos relativos á súa conservación.

Rosa Quintana e Luís Planas. CONSELLERÍA DO MAR
Rosa Quintana e Luís Planas. CONSELLERÍA DO MAR | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta