Galicia rexistra en 2019 o peor saldo vexetativo do conxunto do Estado

Tamén é a segunda comunidade con maiores taxas de mortalidade por enfermidades circulatorias e tumores.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 10/12/2020 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O INE ratificou este xoves os datos de demografía xa ofrecidos o pasado mes de xuño sobre o ano 2019. Así, suliña que Galicia rexistra en 2019 o peor saldo vexetativo entre comunidades, con 15.631 mortes máis que nacementos.

En concreto, houbo 15.601 nacementos en 2019, un 5,8% menos que o ano anterior --por encima do 3,5% de diminución en España--, así como a cifra máis baixa desde que hai rexistros. Supoñen 6.446 menos que os 22.047 que había en 2010.

Pola súa banda, producíronse 31.232 falecementos en Galicia en 2019, polo que hai un descenso do 3,7% respecto de 2018. Trátase da primeira baixada desde o ano 2014. Deste xeito, Galicia acumula tres décadas sen un saldo vexetativo positivo. As seguintes comunidades con peores datos en 2019 foron Castela e León (-14.299) e Principado de Asturias (-7.741).

Anciáns
Anciáns | Fonte: XUNTA - Arquivo

ENFERMIDADES

Por outra banda, Galicia é a segunda comunidade coas maiores taxas de mortalidade por enfermidades circulatorias e tumores, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En concreto, segundo os datos entre xaneiro e maio deste ano, a taxa de mortalidade por enfermidades do sistema circulatorio en Galicia é de 156,1 falecidos por cada 100.000 habitantes. Está 44 puntos por encima dos 112,2 rexistrados na media española.

Tamén conta coa segunda taxa de defuncións por tumores, con 131,9 mortes por cada 100.000 habitantes. Á cabeza atópase Asturias (146,7). É tamén moi superior á media española (99,6 falecidos).

Os falecementos en Galicia tamén están por encima da media en incidencia por 100.000 habitantes en: sistema respiratorio (61,3), trastornos mentais (40,7) e sistema nervioso (28,7). En cambio, as 32,2 mortes por 100.000 habitantes que se producen no caso galego por enfermidades infecciosas están lonxe das 102 que ocorren na media española.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta