Tentan preservar os morcegos no espazo protexido do sobreiral do Arnego

ADEGA instalará 50 caixas niño para o refuxio destes animais e recuperar a diversidade natural deste espazo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2020 | Actualizada ás 22:35

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inicia este sábado, 12 de decembro, as novas accións de custodia no Sobreiral do Arnego coa instalación de caixas refuxio para morcegos neste espazo natural protexido.

Cartel de Adega sobre caixas morcegas
Cartel de Adega sobre caixas morcegas | Fonte: Fonte: Adega

Nesta xornada, na que participarán voluntarios ambientais, así como biólogos expertos no estudo e seguemento de mamíferos, como Xosé Pardavila da empresa SOREX, tamén se desenvolverán tarefas preparatorias para as vindeiras actuacións de custodia.

CATRO ANOS DE CUSTODIA DO ESPAZO NATURAL

Desde o ano 2016 ADEGA vén desenvolvendo accións de custodia do territorio no espazo natural protexido como Rede Natura ZEC Sobreirais do Arnego a través do proxecto “Custodiando o Sobreiral do Arnego”, grazas ao acordo de custodia asinado cos donos da parcela A Zarra da Pena, a cal forma parte do espazo protexido.

A maior parte das accións desenvoltas ata agora nesta finca e na contorna do río Arnego consistiron, entre outras, na elaboración de inventariados de flora e fauna, na recuperación de elementos naturais e etnográficos ou na eliminación de especies exóticas invasoras. Todas estas actividades foron coordinadas por ADEGA e executadas grazas á participación de voluntariado ambiental de toda Galiza.

RECUPERACIÓN DA DIVERSIDADE NATURAL

Mediante estas accións, a Asociación quere seguir custodiando o Sobreiral do Arnego  promovendo accións que contribúan a recuperar a diversidade natural deste espazo protexido, os seus elementos patrimoniais de interese etnográfico e cultural e divulgar os seus valores.

Para iso, prevé iniciar neste mes de decembro a instalación dunhas 50 caixas niño para o refuxio de morcegos e a colocación de dous paneis divulgativos sobre os valores naturais e culturais da Zarra da Pena e do Sobrerial do Arnego. Tamén darán comezo os traballos de recuperación dun valado de pedra tradicional que se atopa deteriorado pola acción do tempo.

ADEGA conta cunha axuda da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galiza para investir no desenvolvemento destas actuacións de divulgación, estudo e conservación do Sobreiral do Arnego antes de marzo de 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta