Vox carga contra uns estudantes galegos que se gravaron queimando unha pulseira coa bandeira española

O partido ultra viralizou a falcatruada da rapazada. Algúns dos seus seguidores chegaron a pedir responsabilidades penais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2020 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

Co paso dos meses vai quedando máis claro que os movementos na nova ultradereita teñen nas redes sociais a súa principal canle de difusión. No seo do Estado, o caso de Vox non ía ser distinto: contan con perfís en diversas RRSS, moi localizados  --hai un por provincia e mesmo por localidade-- e ben atendidos porque as redes son un dos seus principais vectores de captación de electorado.

Captura do tweet de Vox Pontevedra contra o vídeo onde se ve como uns alumnos queiman unha pulseira coa bandeira española
Captura do tweet de Vox Pontevedra contra o vídeo onde se ve como uns alumnos queiman unha pulseira coa bandeira española | Fonte: Twitter

Este enfoque decididamente online leva a que, de cando en vez, as páxinas desta formación ultradereitista consigan viralizar contidos na liña do seu enfoque ideolóxico. O último caso vén de acontecer en Galicia logo que a conta de Vox Pontevedra difundira un vídeo no que se aprecia como uns alumnos queiman unha pulseira coa bandeira de España. Segundo destacan dende o partido ultra, a escena foi gravada nun instituto da provincia de Pontevedra. 

O suceso vén de recoller reaccións dispares, dende os críticos co enfoque da organizacións aos seus máis ferventes seguidores, que piden mesmo responsabilidades penais para os rapaces involucrados na falcatruada. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta