Temas: DVICIO

Os caldos galegos seducen ao primeiro club de viños online

Ferran Centelles, exsumiller de elBulli e cofundador da comunidade virtual wineissocial, recoñece a súa "predilección" polos viños galegos e nas súas recomendacións do mes de xuño inclúe dous albariños das Rías Baixas que, sostén, "tamén envellecen".

Por Monica Vázquez | Santiago de Compostela | 15/06/2013 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A sona dos caldos galegos traspasa cada vez máis fronteiras, tamén as virtuais. Os últimos en deixarse seducir polo bo facer das adegas galegas son os responsables de wineissocial, a primeira comunidade online arredor do mundo do viño e a cata, que nas recomendacións feitas aos seus socios no mes de xuño demostra a súa predilección pola calidade dos caldos elaborados en Galicia. Dous Albariños de Adegas Eidos (Eidos de Padriñán 2011 e Contraaparede 2008) son os escollidos desta volta polos sumillers responsables da web, que xustifican a súa elección tanto pola calidade indiscutible desta variedade, como pola súa "autenticidade e representatividade da tradición da zona" na que se elaboran.

Equipo de catadores de la web wineissocial
Equipo de catadores de la web wineissocial

A recomendación de wineissocial cobra especial importancia xa que detrás deste portal e os seus máis de 1.500 usuarios (un 7% deles galegos) atópanse Ferran Centelles, sumiller durante 11 anos do restaurante elBulli de Ferran Adrià e Premio Nacional de Gastronomía en 2011, Raúl Igual, mejor sumiller de España 2010 e candidato a mellor sumiller do mundo, e Cristina Alcalá, escritora, xornalista e catadora profesional. Este equipo é o responsable de propoñer cada mes tres experiencias de cata totalmente diferentes e adaptadas aos perfís dos membros do club. Os usuarios, que previamente realizan un rápido e curioso test para determinar os seus gustos persoais en materia de viños, teñen a posibilidade de recibir cada mes unha caixa con dúas botellas seleccionadas polos expertos de wineissocial a un prezo máis baixo que o do mercado (19,99 euros) e unha ficha coleccionable con consellos e trucos para mellorar como catador.

En xuño wineissocial recomenda para os incondicionais dos brancos dúas añadas das Rías Baixas moi diferentes pero que comparten o seu perfil "salino, concentrado e profundo". Ferran Centelles, responsable da elección, explica ademais que estes dous caldos galegos teñen outro aliciente: que agradecen o paso do tempo. O que fora durante anos sumiller de elBulli explica nunha entrevista con Galicia Confidencial que a pesar da extendida opinión de que só os tintos envellecen ben, "tamén hai algúns brancos, sobre todo os que gozan de alta acidez, que poden envellecer durante varios anos". "Contrariamente á crenza popular de 'bebelo o máis xoven posible', algúns Albariños de alta calidade suavizan a súa acidez, enriquecen dun aroma máis cremoso e menos fresco e incluso poden coller algún aroma de froita seca e tostada, case coma se se confitara o viño", explica Centelles, que inclúe neste grupo aos dous viños de Adegas Eidos.

Paixón polas adegas galegas

Esta non é a primeira vez que caldos galegos seducen aos responsables de wineissocial. Ferran Centelles recoñece a "especial predilección" do equipo polos viños feitos en Galicia, unha das rexións "máis divertidas de descubrir" para os catadores e cunha "diversidade de viños tremenda", sostén. De feito, os seus suscriptores xa tiveron ocasión de probar botellas seleccionadas das cinco denominacións de orixe galegas. "Encántanme os viños galegos, evidentemente os brancos son especialmente afinados pero ultimamente os tintos estánme gustando e sorpendendo enormemente. Encántanme os Mencías de Valdeorras pero recentemente sorprendéronme algúns tintos das Rías Baixas e tamén a Souzón e Bastardo, variedades tintas que dan viños sabrosos e profundos", confesa Centelles sobre os seus favoritos.

O catador tipo en Galicia

E como un dos obxectivos de wineissocial é axudar aos usuarios a descubrir o seu perfil de cata, Ferran Centelles tamén nos revela como é o consumidor tipo de viños galego. "As persoas buscan en Galicia viños de perfil fresco, o clima é único e iso nótase no estilo dos seus caldos, cunha alta acidez que os fai dinámicos, con profundidade no paladar e no caso dos viños tintos cun tanino moi suavizado, elegante e un corpo máis lixeiro. Enriba de todo isto están os viñedos de paisaxes espectaculares, as variedades autóctonas e a multitude de pequenos viticultores e elaboradores que aportan á rexión unha diversidade tremenda", explica Centelles, que cre que moitos dos que coma el se adican de forma profesional ao mundo do viño "teñen unha predilección especial polos viños galegos".

Acertar á hora de escoller unha botella ao gusto de cada paladar, con todo, non é unha tarefa fácil. Nun mercado "moi atomizado" e con infinidade de marcas e adegas diferentes que complican a elección, Ferran Centelles recoñece, ademais, que "o gusto do viño non é fácil de explicar nin de entender". E remata cun consello. "A mellor maneira de escoller un viño é tendo a oportunidade de probalo con atención, pasealo pola boca para intentar entender todos os seus matices. Cando catas cun pouco de atención, o pracer recibido multiplícase e polo tanto o disfrute da mesma botella é maior".

Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eueu

Recomendo vivamente um vinho da minha zona que me surpreendeu gratamente, e que seguro vos vai gostar tamém. É o Xirpin: notas de cereixas e frutos vermelhos maduros no ponto exacto, mesturado com a brisa do mar interior da ria da Arousa. E tem um preço muito assequível mercado mediante a Fruga: www.fruga-galiza.org