O secretario xeral do PPdeG acusa aos socialistas galegos de "desertar na defensa dos intereses de Galicia"

"O BNG deulle o seu apoio a Pedro Sánchez na investidura e, nestes momentos, o BNG está desconforme coas contas do Estado igual que está o PP" declarou Miguel Tellado.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/12/2020 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cre que "agora mesmo" os populares teñen "máis fácil" chegar a acordos co BNG que co PSdeG-PSOE, que "desertou na defensa dos intereses de Galicia" e mantense na liña de "defender a xestión de Pedro Sánchez" aínda que sexa "negativa" para a Comunidade.

Nunha entrevista na Cadea Ser este domingo,  o número dous dos populares galegos lembrou o ocorrido na aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) no Congreso, que contaron co 'non' do Bloque, para aseverar que "non é un bo momento" para as relacións entre os nacionalistas e o PSdeG-PSOE.

"O BNG deulle o seu apoio a Pedro Sánchez na investidura e, nestes momentos, o BNG está desconforme coas contas do Estado igual que está o PP", resumiu Tellado.

Por isto mesmo, ao ser capaz o Bloque de "separarse" do PSOE, os populares ven "máis próximos" aos nacionalistas que aos socialistas á hora de "defender os intereses de Galicia". "E é unha pena, porque creo que deberiamos ter máis elementos de proximidade entre o PP e o PSdeG que entre o PP e o BNG", lamentou.

O PP TEN "MAN TENDIDA"

En calquera caso, Tellado asegurou que o seu partido ten "disposición plena" e "man tendida" para chegar a acordos coa oposición de cara á reconstrución económica da Comunidade tras a pandemia, un labor para o que existe unha comisión parlamentaria creada para ese efecto que acaba de concluír as súas sesións.

De feito, lembrou que nas contas da Xunta para 2021 hai unha partida duns 100 millóns de euros para que este órgano "decida a finalidade dese diñeiro".

Iso si, advertiu que, se non se producen acordos neste sentido, o PPdeG ten "a obrigación de tirar para adiante e gobernar, porque iso foi o que decidiron os galegos nas urnas do 12 de xullo" ao darlle unha maioría absoluta.

SÁNCHEZ ELIXIU A "RADICAIS E NACIONALISTAS"

No plano da política estatal, Tellado asegurou que o presidente do PP, Pablo Casado, mostrou "disposición a apoiar ao Goberno", pero advertiu que o Executivo "tamén se debe deixar apoiar". "O outro día revelábase que Casado leva cinco semanas esperando a que o presidente lle devolva unha chamada. Así é difícil", engadiu.

Fronte a iso, o secretario xeral dos populares galegos lamentou que Sánchez elixise " que os seus socios sexan "radicais" e "nacionalistas" en lugar de "tentar" un acordo con Casado, en quen "vería altura de miras".

Neste contexto, a preguntas formuladas na entrevista na Cadea Ser, Tellado censurou que o Goberno de Sánchez estea "encartado á liña política de ERC e Bildu, que son os que mandan", mentres que diferenciou estes apoios do que dá Vox ao PP en varios gobernos autonómicos --Comunidade de Madrid, Andalucía e Murcia--.

"O PP non goberna con Vox. Hai apoio parlamentario a unha investidura. (...) Non aceptamos a liña política de Vox. Non é o mesmo que Vox te apoie para que gobernes a asimilar as liñas políticas de Vox", insistiu.

Ademais, a nivel interno do Partido Popular, o seu número dous en Galicia negou que haxa diferentes liñas: "O proxecto de Isabel Díaz Ayuso é o proxecto de Alberto Núñez Feijóo e de Pablo Casado. Buscar discrepancias é escarbar nunha liña da división que non existe".

Non en balde, Tellado reivindicou que o goberno de Feijóo, tras máis dunha década na Xunta, segue sendo "unha referencia" do partido a nivel estatal, algo que "o equipo de Casado sabe".

PAZO DE MEIRÁS

En relación ao Pazo de Meirás, recentemente recuperado para o patrimonio estatal, Tellado celebrou a vitoria xudicial como "colectiva" e, "especialmente", do pobo de Sada.

"Isto non é unha medalla", engadiu, non sen antes lembrar que foi posible grazas a un "acordo unánime" do Parlamento de Galicia que "permitiu constituír unha comisión de técnicos" que, á súa vez, elaboraron un documento que foi "a base" do proceso xudicial.

No medio da polémica sobre o plan de usos deste inmoble que foi presentado pola Consellería de Cultura --co rexeitamento da oposición, do Concello de Sada e de colectivos pola memoria histórica--, o número dous do PPdeG dixo que "non hai ningún problema" que conviva a figura de Emilia Pardo Bazán coas referencias "a unha ditadura que foi un mal recordo para a poboación galega".

"Non hai ningun problema de que convivan os dous elementos. Eu son de ferrol e convivo con xente que vai ver a casa natal de Franco na rúa María e non pasa nada. Non hai que terlle medo a ningún recordo da historia, sobre todo cando serve para non repetilos", insistiu.

Así mesmo, Tellado apelou a que non haxa "discusións" entre administracións sobre a xestión do pazo, aínda que se mostrou partidario de que sexa a Xunta a que ostente a titularidade, tal e como xa o solicitou ao Estado.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, nunha entrevista na Cadea Ser.. CADEA SER
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, nunha entrevista na Cadea Ser.. CADEA SER | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta