A Xunta busca sortear os puntos "lesivos" da Lei Celaá pero nega un "posicionamento ideolóxico"

A Xunta fai "bo balance" do primeiro trimestre escolar: "Non houbo transmisión interna nos centros".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2020 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, defendeu que a propia 'Lei Celaá' ofrece amparo legal para levar a cabo as medidas anunciadas este sábado polo líder do PP, Pablo Casado, nas comunidades gobernadas polo seu partido: adiantar o prazo de inscrición do próximo curso para que a norma non lles afecte.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante o acto.. COPYRIGHT: XOAN CRESPO
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante o acto.. COPYRIGHT: XOAN CRESPO | Fonte: XOÁN CRESPO

A preguntas dos medios, Rodríguez non só confirmou que a Xunta traballa na liña de acción avanzada por Pablo Casado, senón que avanzou a propia 'Lei Celaá' ofrecería amparo a este adianto da inscrición a través do desenvolvemento normativo autonómico.

En concreto, asegura que a norma posibilita nunha disposición transitoria "que se poida fixar" esta cuestión mediante o adianto da publicación do decreto de admisión de alumnado. Isto permitiría, segundo engadiu, "regular todo o que ten que ver" con esta materia. "Estamos a cumprir e desenvolvendo a 'Lei Celaá' incluso antes da súa aprobación", insistiu Rodríguez, tanto "traballando nesa liña" como "desenvolvendo outra serie de aspectos" da norma que, ao seu xuízo, afectan ao modelo educativo de Galicia.

Deste xeito, a Xunta busca sortear aqueles puntos que, ao seu xuízo prexudican ao sistema e así "preservar aqueles elementos" que "garanten" os indicadores "de calidade, de equidade" e "de igualdade de oportunidades". O conselleiro de Educación rexeitou, no entanto, que se trate dun posicionamento "ideolóxico" ante a lei, senón de "preservar" o sistema e o modelo galego "dentro do marco legal" que establece a norma. 

"Quero deixar moi claro que nós non facemos un posicionamento ideolóxica fronte ningunha norma, en ningún caso. Nós o que queremos é preservar a calidade, a equidade do sistema, xunto coa igualdade de oportunidades e o traballo que fixemos", insistiu.

"BO BALANCE" DO PRIMEIRO TRIMESTRE ESCOLAR

Doutra banda, o conselleiro de Cultura fixo este luns un "bo balance" do primeiro trimestre escolar marcado pola covid-19, no que, "salvo contadas excepcións", destacou, "non houbo unha transmisión interna dentro dos centros". Así o dixo, a preguntas dos medios, durante un acto na USC, onde se referiu ao actual como "o inicio de curso máis complexo, máis difícil e máis atípico deste século".

Andado o primeiro trimestre, o conselleiro puxo en valor que, "despois de moitos medos" e "moitas dificultades", así como das "medidas de impacto" que foi necesario tomar, o balance final é "bo". En concreto, destacou que o "principal medo" que existía era "que os centros non fosen espazos seguros". "Podemos dicir, con orgullo, que os centros educativos, salvo nalgunha contada excepción, non foron centros de transmisión", sentenciou.

O conselleiro quixo realizar un "recoñecemento" e "agradecemento público" ao conxunto da comunidade educativa polo "gran traballo realizado" e a "implicación" para lograr este obxectivo e puxo en valor o "sobreesforzo económico, de traballo e emocional" que implicaron todas o medidas pero que, advertiu, "deron resultado".

PREMIOS EXCELENCIA

Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, entregaron un recoñecemento aos dous mellores expedientes do campus compostelán, galardoados cos Premios de Excelencia Académica de Grao, correspondentes ao curso 2018/19, unha felicitación que fixeron extensiva aos 396 universitarios premiados con esta distinción.

En concreto, no campus compostelán, a máxima distinción foi para Juan Manuel Lorenzo Naveiro (estudante de Matemáticas) e para María Allegue Criado (de Maxisterio en Educación primaria), que estivo representada pola decana da Facultade de Educación, xa que se atopa nunha estancia en Irlanda.

Durante o acto, o conselleiro agradeceu o esforzo e compromiso do alumnado universitario, que son "os mellores vectores de calidade das nosas universidades" e representan "a Galicia do futuro, do esforzo, do compromiso do traballo ben feito e a Galicia da vangarda e a excelencia".

Do mesmo xeito, Román Rodríguez lembrou o compromiso da Xunta de Galicia coa excelencia a través destes premios, que van pola súa segunda edición, cos que se pretende motivar ao alumnado universitario para mellorar o seu currículo. "Para nós, estimular o aproveitamento académico significa seguir apostando pola construción dun sistema universitario excelente, competitivo e de calidade", engadiu Rodríguez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta