Temas: MORTE CHUS

Denuncian o atraso na realización dun TAC no CHUS a un paciente falecido con cancro por haber "persoal de baixa"

O Defensor do Paciente remitiu un escrito á Fiscalía Superior de Galicia para que abra unha investigación de oficio. O hospital ponse a disposición da familia para aclarar posibles dúbidas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/12/2020 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

O Defensor do Paciente denunciou o atraso na realización dun TAC no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) a un paciente con cancro por ter "persoal de baixa", tras un escrito remitido pola súa filla, Sonia Bendaña, que fixo público o seu caso "porque isto lle pode pasar a máis xente". Así o manifestou tras explicar que decidiu dar o paso de facer público o sucedido ao seu pai, ante a dúbida de se a realización antes do TAC axudase ao seu proxenitor, falecido o pasado 16 de marzo.

Hospital Clínico de Santiago
Hospital Clínico de Santiago | Fonte: EP.

E é que Sonia Bendaña explica que en xuño de 2019 ao seu pai tocáballe facer un TAC de control polo cancro que padecía, "pero non llo fixeron ata novembro de 2019, case un ano e medio despois do último cando os pacientes oncolóxicos deben de facer a revisión cada 6 meses".

"Pasado xuño, ao non chamarlle, reclamamos en Atención ao Paciente e a resposta recibida foi que ían con atraso por ter persoal da baixa".

"Cando lle fixeron a proba xa resultou imposible facer algo por el", asegura. E é que, segundo explica, con posterioridade, xa na Coruña, onde ela reside e onde se trasladou o seu pai, residente en Santiago, tampouco se lle fixo unha analítica antes de darlle unha quimioterapia, que logo deixou de dárselle.

"Necesito saber se podo facer algo para que isto non siga sucedendo e se teña en conta que o meu pai, se se fixesen as cousas correctamene, igual seguiría vivo", sinala para explicar a dúbida que lle xera o feito de que non se fixese o TAC antes.

Polo sucedido, o Defensor do Paciente remitiu un escrito á Fiscalía Superior de Galicia para que abra unha investigación de oficio.

RESPOSTA DO CHUS

Pola súa banda, o CHUS defende que a "calidade asistencial e investigadora da profesionais da área sanitaria de Santiago goza de prestixio nacional e internacional", aínda que apunta que "a pesar dos logros que a ciencia logra cada día na loita contra o cancro, tristemente segue a ser unha doenza cuns elevados índices de mortalidade en determinados tipos".

Ademais, lamenta o falecemento deste paciente e pon a disposición da filla os profesionais do servizo de Atención ao Paciente "para aclararlle as dúbidas que aínda poida ter".

Temas: MORTE CHUS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta