O BNG pide investigar un posible incumprimento da empresa que opera e mantén os helicópteros de Gardacostas

Denuncia "medidas coercitivas contra os traballadores".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/12/2020 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

A deputada do BNG, Rosa Pérez, rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para pedir unha investigación sobre un "posible incumprimento" do contrato por parte da empresa Babcok, adxudicataria da operación e mantemento dos helicópteros do Servizo de Gardacostas da Consellería do Mar.

Helicóptero 'Pesca II' de Gardacostas de Galicia.. SALVAMENTO MARÍTIMO - Arquivo
Helicóptero 'Pesca II' de Gardacostas de Galicia.. SALVAMENTO MARÍTIMO - Arquivo

Segundo sinalou a parlamentaria nacionalista, estes helicópteros desenvolven labores de vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento marítimo, pero a empresa encargada adoptou "medidas coercitivas contra os traballadores", incluíndo "algún despedimento" alegando "diminución continuada e voluntaria do traballo".

Rosa Pérez apuntou que o sometemento de Babcok aos seus traballadores "debe ser motivo suficiente de atención para a Consellería do Mar", especialmente porque se trata dun "servizo vital para a xente do mar" e ponse en "grave risco" a seguridade das tripulacións.

Segundo lembrou, o BNG xa denunciou en outubro a falta de flotadores obrigatorios por contrato na 'Pesca 1', con base en Vigo, e a empresa "continúa mantendo o helicóptero, pero limitando a operatividade a 20 millas náuticas".

Por iso, preguntou ao departamento que dirixe Rosa Quintana "se ten coñecemento desta irregularidade", especialmente cando, o pasado 30 de outubro, tivo que mobilizarse ao 'Helimer 402' desde A Coruña para facer unha evacuación médica a unhas 90 millas das illas Cíes.

Así mesmo, a deputada do BNG sinalou que a empresa trasladou o helicóptero de Viveiro a Vigo, e mantén na base da Mariña lucense "un helicóptero de substitución que non cumpre os requisitos esixidos no contrato", e "non é a primeira vez".

Tras criticar que a empresa incumpre "impunemente" as condicións do contrato, reclamou explicacións á Xunta e que determine as "responsabilidades" da adxudicataria e, no seu caso, aplique as "penalizacións" previstas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta