O sector escénico galego crea a súa propia guía anti-Covid que inclúe cribados a todo o elenco

Os impulsores do texto indican que os profesionais deste sector teñen unha exposición importante ao virus, xa que en escena non é viable utilizar máscaras nin gardar distancias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2020 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O sector escénico en Galicia conta dende este mes cunha guía de recomendacións fronte á Covid-19 para as súas actividades específicas. Neste documento, aprobado polo comité de Saúde Laboral do Convenio de Actores e Actrices de Galicia tras diferentes sesións de análise e debate, inclúe a recomendación de realizar cribados e/ou as probas necesarias ao elenco artístico para a detección da Covid na forma e periodicidade determinadas polos Servizos de Prevención de Risco Laboral.

Teatro María Casares. REMITIDA - Arquivo
Teatro María Casares. REMITIDA - Arquivo

As medidas e recomendacións xerais desta guía deberán orientar a redacción dos plans específicos de calquera empresa produtora que realice unha actividade escénica, tanto no referido á produción, como ao ensaio e exhibición dun espectáculo. 

 

A recomendación explícita sobre probas atinxe a todo o elenco artístico, que está conformado por profesionais cunha especial exposición a riscos de contaxios. E é que no ámbito dos actores e actrices, así como bailaríns e profesionais do circo, resultan dificilmente asumibles as medidas básicas de protección como a distancia social e o uso de máscara. 

 

Ademais, o texto consensuado en Galicia recolle que a produción do espectáculo, a

dirección e o seu persoal artístico detallarán de forma conxunta as condicións nas que se desenvolverá o espectáculo para que os Servizos de Prevención de Riscos Laborais poidan realizar a súa avaliación e propoñer as medidas necesarias. Nestas accións, lembra o texto, cómpre tomar en conta diferentes variables: momento do proceso (ensaio ou exhibición), distancia, máscara e/ou direccionalidade das accións, tempo de exposición, tamaño do espazo e a súa ventilación, número de intérpretes en escena ou as características específicas do elenco.

 

Deste xeito, o sector conta xa en Galicia cunha guía de recomendacións propias e actualizadas á situación actual para garantir que a seguridade no eido das artes escénicas cubra tanto ao público coma o conxunto dos seus traballadores. Trátase dunha guía propia que é, segundo indican, froito da colaboración entre as diferentes asociacións profesionais, sindicatos (CIG, UGT, CC.OO) e institucións públicas reunidas no Comité de Saúde Laboral do Convenio de Actores e Actrices de Teatro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta