Psicólogos do Sergas demandan máis persoal para tratar o impacto da covid-19 na saúde mental da poboación

A asociación alertou de que o persoal de saúde mental actual é "insuficiente" para o número de consultas que "seguirán aumentando".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2020 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

A Asociación de Piscólogos Clínicos do Sergas (APCS) alertou da "necesidade urxente" de incorporar especialistas en Psicoloxía Clínica ante o impacto da covid-19 na saúde mental xa que, segundo afirmaron, rexistrouse "un aumento do malestar anímico, con síntomas ansioso-depresivos" desde que comezou a pandemia.

Equipo de psicólogas do GIPCE atendendo a unha persoa
Equipo de psicólogas do GIPCE atendendo a unha persoa | Fonte: Colexio de Psicoloxía.

A asociación, que destacou que o tratamento da saúde mental en Galicia é "de pésima calidade", explicou que a situación da atención psicolóxica é "aínda máis grave". "Os psicólogos especialistas en Galicia temos unha dos cocientes máis baixos de toda España, uns tres psicólogos clínicos por 100.000 habitantes, e unha practicamente nula contratación e creación de novas prazas durante os últimos 20 anos", destacou a asociación.

Esta escaseza de psicólogos, apuntaron, é un dos factores que influíu na xestión "insuficiente" das consecuencias psicolóxicas da covid-19.

Afirmaron que os pacientes teñen dificultades á hora de acceder á atención psicolóxica, ademais de enfrontarse a "esperas de máis de seis meses" e a unha presión asistencial que complica o seguimento "adecuado" de todos os casos.

Ademais, sinalaron que en 2020 aínda existen unidades sen psicólogo clínico e que esta situación está incrementado o "abuso" de tratamentos farmacolóxicos e provocando unha "patoloxización de problemas psicosociais".

Outro factor que para o grupo influíu no errático tratamento dos problemas mentais derivados da crise do corovarirus, é a falta dunha "organización propia". Os psicólogos clínicos esixiron a creación dunha "estrutura organizativa propia" dentro dos complexos hospitalarios, así como "estar representados" nos órganos de xestión.

Todo isto, apuntaron, tese exacerbado coa chegada da covid-19 e o seu impacto na saúde mental. A asociación achacou unha falta de "organización, planificación e información" con respecto ás actuacións levadas a cabo en materia psicolóxica neste contexto de alarma sanitaria.

MEDIDAS EXCEPCIONAIS 

O grupo destacou o incremento que a atención psicolóxica experimentou desde o inicio da pandemia. Tal e como recolle un informe do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do pasado mes de outubro, un 55% dos enquisados recoñeceron solicitar axuda especializada a un psicólogo.

"Dise que as consecuencias psicolóxicas da covid-19 aínda estar por chegar segundo os cambios socioeconómicos que se poidan dar, pero o que se sabemos é que durante estes meses xa se está notando un aumento do malestar anímico, de síntomas ansioso-depresivos", alertou a asociación, que insistiu na necesidade dun "reforzo psicolóxico" nas unidades de saúde mental para achegar respostas "rápidas" a demandas "urxentes".

Os psicólogos clínicos do Sergas demandaron tamén unha maior coordinación cos dispositivos, tanto de Atención Primaria, como cos de axuda á poboación, entre os que citaron a Cruz Vermella e ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (Gipce).

"Debe facilitarse que desde estes dispositivos se poida derivar á rede de saúde mental aqueles casos que o necesiten sen ter que seguir as canles ordinarias e un tempo de espera innecesario. Se estamos a vivir unha situación excepcional, as medidas tamén teñen que ser excepcionais", reivindicou a asociación de psicólogos clínicos, que subliñou ademais a necesidade de programas específicos para poboacións de risco.

Este grupo de profesionais destacou tamén a importancia da atención psicolóxica na UCI e nas plantas COVID non só aos pacientes, senón tamén aos propios sanitarios; servizos que, segundo sinalaron, agora mesmo son "deficientes" e, no caso dos sanitarios, nalgunhas áreas, "con intentos de reducir a súa accesibilidade á axuda psicolóxica".

Amparándose no vivido durante a crise do 2008, a asociación pediu "previsión de futuro". "A crise económica que se espera, a perda de postos de traballo e poder adquisitivo, e todo o que iso leva, fainos pensar que nos próximos meses os problemas psicolóxicos van aumentar, así como a demanda da súa atención e as listas de espera que, se xa son longas, aínda o serán máis", declararon.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta