Temas: VERIN TEATRO

A formación teatral do Concello de Verín volve en xaneiro

O Curso de Teatro que se vén impartindo desde finais do 2018, suspendido durante meses por mor da Covid-19, volve no 2021 para realizarse no Pavillón Municipal de Verín.

Por X.M. Fernández | Verín | 18/12/2020 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

As clases de interpretación retomaranse o mes de xaneiro cumprindo cun estrito protocolo de seguridade para evitar o risco de contaxios. Lémbrase a obrigatoriedade da máscara e a distancia social, e daráselle preferencia aos exercicios individuais. Outra novidade será a disparidade de grupos ao facelos máis reducidos nas actividades enfocadas a nenos, adolescentes e adultos.

Santi Cañaveral cos alumn@s. Foto: Prensa do Concello de Verín.
Santi Cañaveral cos alumn@s. Foto: Prensa do Concello de Verín.

Desde o inicio da corentena, a comezos do mes de marzo do presente ano, todos os grupos realizaron exercicios a distancia, como os monólogos ante cámara con personaxes estilizados. Neste último aumento das restricións foron algunhas das integrantes do grupo de adolescentes as que participaron nun anuncio sobre o ciberacoso nas redes sociais, un proxecto financiado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín e no que participaron profesionais locais do eido da Cultura como Iris Xusto, creadora e responsable da produtora audiovisual El Ojo de Iris.

As actividades públicas que teñan lugar no comezo do vindeiro 2021 realizaranse ante unha cámara e difundiranse posteriormente a través dos perfís oficiais que o curso de teatro habilitará en redes sociais Facebook e Instagram, e que comezarán a estar activos ao longo do mes de xaneiro.

"A idea é montar un concepto de escola cun enfoque innovador e vangardista para cambiar a percepción declamada e textual do teatro xenérico. Unha escola que outorgue unha formación ao alumnado que consista no autodescubrimiento, a superación de muros sociais, a linguaxe corporal e a introspección persoal", explica Santiago Cañaveral, profesor responsable do curso de teatro.

Temas: VERIN TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta