Galicia acabará o ano con temperaturas frías tras un 2020 "extremadamente cálido"

Prevén frontes frías para as festas de Nadal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2020 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

Galicia acabará o ano con temperaturas frías e precipitacións que non serán "intensas" tras un 2020 "extremadamente cálido". "Seguramente o ano máis cálido da serie histórica", dixo o delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) en Galicia, Francisco Infante, no balance provisional e á espera de que conclúa decembro.

Fíxoo na presentación do balance provisional do ano e das predicións para os próximos días e trimestre, nunha comparecencia na que alertou tamén das consecuencias que está a ter o cambio climático, ante o incremento de temperaturas que se rexistra tanto a nivel autonómico como estatal e mundial.

"Estamos preto de entrar na UCI", dixo, ao ser preguntado por esta cuestión. Así, incidiu en que hai que "implementar medidas xa" e insistiu en que "non temos moita marxe" ante un aumento da temperatura global. "1,2 graos centígrados por encima da época preindustrial", precisou.

E é que a tendencia de "menos frío" que se rexistra en Galicia vinculouna co cambio climático. Así, de acordo cos datos facilitados, se a previsión é que este ano conclúa como o "máis cálido" desde 1951, ao que se remonta a serie histórica de datos a este respecto, o outono foi "seco e moi cálido".

MENOS PRECIPITACIÓNS

"Cun déficit das precipitacións dun 30% no conxunto de Galicia", sinalou Infante, que explicou que todos os outonos desde 2011 a 2020 mantiveron esta tendencia. En particular, destacou o mes de novembro, "o cuarto máis cálido da serie histórica". En canto ás precipitacións remarcou as treboadas rexistradas o pasado 17 de setembro, con localidades como Carballo que rexistraron 33,6 litros por metro cadrado ou os 87 litros por metro cadrado rexistrados en 24 horas en Rois o pasado 1 de novembro. No que se refire a decembro, dixo que a temperatura está a ser "normal", aínda que "húmido". "En quince días choveu o que faría no mes completo".

PREDICIÓN PARA NADAL

Mentres, respecto dos próximos días, sinalou que "o máis probable" é que ata Nadal se manteña a actual situación de "paso de frontes, pero non intensas precipitacións", con excepción da tarde do venres e a noite. A partir de Noiteboa e Nadal, espérase que cambie a situación con máis precipitacións no terzo norte de Galicia e no resto intervalos nubososos. Ata final de ano,a Aemet prevé temperaturas "máis frías" e xeadas, "pero sen precipitacións".

Praia de Riazor durante un temporal costeiro na Coruña. M. Dylan - Europa Press
Praia de Riazor durante un temporal costeiro na Coruña. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta