O Museo de Pontevedra adquire os orixinais do 'Álbum Nós' de Castelao

Ten un precontrato coa familia propietaria, que pide que non se revele a súa identidade nin a cantidade da venda.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 17/12/2020 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O Museo de Pontevedra vai formalizar nos próximos días a compra dos orixinais do 'Álbum Nós' do histórico galeguista e multifacético creador Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Así o anunciaron este xoves a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey.

Concretamente, pasarán a formar parte dos fondos da institución provincial en propiedade as 49 láminas, o autorretrato de Castelao e o exlibris que remata o álbum.

O Museo de Pontevedra dispuña de todas estas obras en depósito desde o ano 2016 con motivo da exposición 'Meu Pontevedra', expostas actualmente nun espazo específico no Sexto Edificio.

César Mosquera destacou a gran transcendencia desta compra porque "son o conxunto de pezas máis importante de Castelao" e permiten completar a colección provincial, que conta con ao redor de 2.000 elementos do autor.

PRECONTRATO COA FAMILIA

A xunta de goberno da Deputación aprobará este venres a compra para a que xa hai consignación orzamentaria e está asinado un precontrato coa familia propietaria, que pediu que non se revele a súa identidade nin tampouco o alcance económico da operación.

"Son condicións moi vantaxosas para a Deputación", foi o único que comentou César Mosquera, sobre esta compra á que só lle falta a firma ante notario.

A transacción xa foi comunicada formalmente á Xunta, xa que por Lei de Patrimonio Cultural tiña dereito de tenteo e retracto ao ser un ben de interese cultural. Recentemente o Goberno galego comunicou que non faría uso dese dereito en favor do Museo.

"QUERÍA QUE A SÚA OBRA ESTIVESE VINCULADA A ESTE MUSEO"

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, insistiu na relevancia da adquisición destes fondos para o Museo de Pontevedra e o feito de que vaian permanecer onde Castelao desexaba.

"Quería que a súa obra estivese vinculada a este Museo do que formou parte desde o seu inicio. Por tanto, cumprimos a súa vontade", dixo a presidenta.

Silva afirmou que "o Museo de Pontevedra é o Museo Nacional de Galicia". Aquí están as pegadas máis importantes da nosa historia e cultura, e por iso é obrigado que estea a maioría da obra de Castelao", razoa.

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, destacou que o 'Álbum Nós' supón un capital simbólico para os fondos da institución e permítelle dispor dos principais conxuntos creativos do artista, así como "dialogar e complementar" o 'Álbum de guerra' que fixo 15 anos despois, xa como líder do galeguismo e da defensa da legalidade republicana que o levou ao exilio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta