Temas: MúSICA VIñO

'The Sey Sisters' no Outono Códax Festival 2020

O venres 18 de decembro actuarán estas tres grandes voces negras catalás de ascendencia ganesa no Centro Don Bosco en Compostela.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 18/12/2020 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

En colaboración co Mercado da Estrela chega outro gran concerto dun Outono Códax Festival que remata. A formación The Sey Sisters fará gozar aos amantes da música negra da man dun trío de voces espectacular de mulleres de ascendencia ganesa, nadas en Cataluña, que convidan a experimentar unha viaxe musical desde o góspel até a música africana, pasando polo soul.

The Sey Sisters. Foto cedida pola organización.
The Sey Sisters. Foto cedida pola organización.

Os seus cantos están impregnados de emoción e xorden da loita contra as inxustizas, a defensa dos dereitos humanos e a esperanza nun futuro mellor. O ano pasado presentaron o seu segundo disco, Rise, co que chegan a Compostela; un álbum que é unha reivindicación do colectivo de mulleres afrodescendentes, ao que elas pertencen, e que xorde da necesidade de expresarse desde o que son: mulleres fillas de persoas migradas que, malia ter nacido e medrado en Cataluña, loitan cada día para que a súa cor de pel non determine o seu camiño.

OUTONO CÓDAX FESTIVAL

O festival, impulsado dende a iniciativa privada da man de Raíña Producións e A Reixa e co patrocinio de Bodegas Martín Códax, presentou este ano na Sala Capitol e en diversos espazos de Santiago de Compostela un cartel de excepción. O cartel de concertos foi acompañado con actividades paralelas de gran interese como ‘ceas pinchadas’, catas e presentacións. O Outono tamén contou coa colaboración de case un cento de establecementos hostaleiros e comerciais de Santiago de Compostela.

Temas: MúSICA VIñO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta