Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2020 | Actualizada ás 14:00
Que acontecería se o Apóstolo Santiago, en carne e oso, puidera pasear polas rúas da cidade á que deu nome hoxe en día? Esa a pregunta á que Juan López Rico, viñetista en GC, dá resposta con continuas doses de humor no seu libro Santiago en Compostela, unha recompilación de estampas do discípulo de Cristo entre bares, tascas, e partidos do Compos no Vero Boquete.
"A idea é que o apóstolo fai vida normal na cidade cos seus veciños. Vai ao xastre, aos bares, a ver o Compos... e fala nas tabernas como falamos todo, da política e da vida", explica López en declaracións ao GC, que viña fraguando o personaxe do Apóstolo en algunhas das viñetas publicadas por separado. O contacto do apóstolo con veciños e visitantes resólvese, por suposto, con humor e agudeza, con "peregrinos que lle preguntan onde está a catedral" ou misas con botafumeiro que lle deixan negros o pulmóns.
A obra, que conta cun prólogo do historiador Ramón Villares, pretende servir tamén como unha revisión máis do mito compostelán, ese que narra que a cidade foi fundada logo de que Paio o eremita atopara o sarcófago de Santiago grazas ás indicacións dunhas luces do ceo. "Tan crible pode ser a versión do libro como a que se conta tradicionalmente", reflexiona López, que destaca, iso si, a vontade de deixar atrás a idea do 'Santiago Matamoros' vencellada á reconquista.
REVISIÓN DO MITO
En palabras de Ramón Villares, trátase “dunha sentida homenaxe a una figura que,
sendo ou non histórica, resulta esencial para entender esta cidade, que leva visto
moitas cousas e persoas, pero que nunca imaxinou que o propio apóstolo baixaría da
súa peana e botaría a andar por rúas e prazas”. “O protagonista destas viñetas –engade- non é un santo viaxeiro nin posúe poderes milagreiros, de modo que resulta crible que, grazas a esta “invención” de López, poida pasearse por rúas e tascas e coñecer de modo directo a vida cotiá da cidade”.
Antes de dedicarse ao viñetismo humorístico --tarefa que desenvolveu xa nunha longa listaxe de publicacións-- López Rico foi delegado da axencia EFE en Galicia. Á parte, participou en iniciativas colectivas como EFEVerde, Infoecología ou Longalíngua. En 2019 publicou ¡Houston, tenéis un problema!, o seu primeiro libro de viñetas. Santiago en Compostela, editado por Ézaro Ediciones, xa está á venda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.