Temas: DVICIO

"Sen o viño tería sido moi pobre a calidade de vida da nosa xente"

Xavier Castro clausura en Vigo unhas xornadas sobre Viño e Literatura na que aborda a importancia que esta bebida tivo na cultura do país.

Por Pablo Montaña Prieto | Vigo | 20/06/2013 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

Este xoves, o gastrónomo Xavier Castro, clausura na Cafetería Luces de Bohemia, de Vigo, unhas xornadas que estiveron dedicadas á presenza do viño na arte e na literatura de autores galegos.

Xavier Castro
Xavier Castro | Fonte: galiciagastronomica.com

Castro, condutor destas actividades é profesor de Historia, na USC, xornalista, membro da Rede de Investigadores europeos especializados na historia da alimentación. Contribuíu ao estudo da historia política de Galicia, pero a súa investigación non se centra só nos grandes movementos históricos, senón que, na liña de investigadores como Georges Duby, tennos entregado obras como A rosa do viño, A la sombra ejemplar de los parrales ou Historia da vida cotiá en Galicia, séculos XIX e XX, nas que pon de manifesto a atmosfera social na que viviron os galegos durante séculos. 

Ao acto de Vigo, que xirará en torno á figura de Cunqueiro, haberá cata de viños dunha adega da Pobra e degustación de porco celta e queixo de Arzúa. Antes do mesmo, falamos con el sobre a importancia do viño na literatura e na cultura galega.

Cultura e viño, dous termos que a priori semellan ser contraditorios pero que, se os examinamos ben, teñen máis en común do que poderiamos pensar nun primeiro momento. Cóntame, Xavier, ¿ata que punto teñen relación ambos conceptos?

A Cultura e o viño teñen moito que ver. Eu investiguei a cuestión en dous libros: A rosa do viño (Galaxia) e A la sombra ejemplar de los parrales (Nigratrea), e o que fago nestas Xornadas non é outra cousa que divulgar o meu traballo de investigación sobre a historia da bebida e a alimentación en Galicia, pero dun xeito ameno e divertido. A viticultura é un xeito particular de cultura, e nas obras literarias e plásticas dos creadores que se comentan nestas sesións son abondosas e interesantes as referencias ao mundo do viño.

"A Galicia do viño e do pan"

A xornada de hoxe ten como principal protagonista- ademais do viño- a Cunqueiro. ¿En que consistirá o acto?

A quinta sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, na que intervirá D. Anxo Lorenzo, posto que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a evocar algúns aspectos relevantes da traxectoria vital e a obra dun dos escritores más imaxinativos das nosas letras e forxador ademais dunha peculiar sensibilidade en relación cos viños e a gastronomía de Galicia: Álvaro Cunqueiro, natural de Mondoñedo, vila –como el dicía- rica en pan, en augas i en latín. Os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro, darán conta das claves esenciais da súa obra literaria en relación coa cultura popular do viño en Galicia. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce de excelentes viños, e o recitado dunha escolma de textos representativos do quefacer de Álvaro Cunqueiro, mesturado todo coa audición de pezas musicais e cancións (ilustradas con vídeos) que gardan relación coa época e o mundo cunqueiriano.

Nesta ocasión poderemos apreciar os caldos da Adega Entre os rios: unha pequena adega artesá (e casa de turismo rural, de engádega) rexida pola familia Crusat, situada na Pobra do Caramiñal (IXP do Barbanza-Iria) que ten como buque insinia un galardoado albariño sobre lias Altares de Postmarcos. Elabora, ademais, un branco multivarietal de probada calidade, Casal do Monte, e un moi digno tinto mencía Pintadoiro.

Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e queixo San Simón, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería Luces de Bohemia, en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo: 9 euros).

Gozando con viño e petiscos

¿A quen vai dirixido este evento? ¿Fan o beber e o comer máis amena a sesión do que podería ser a típica conferencia literaria especializada?

Esta actividade está aberta a todo o mundo que se interese pola cultura e o mundo do viño, e ademais queira aprender a aprecialos. Beber bos viños mentres se contempla un documental ou se escoita unha canción, ou ben un comentario sobre Cunqueiro, por exemplo, fai moi grato o achegamento a súa vida e a súa obra, nomeadamente as partes máis directamente relacionadas co viño e os diferentes maridaxes coa gastronomía. Tamén se goza de petiscos de productos galegos de calidade, que é un xeito de poñelos en valor.

A de hoxe é a última de cinco xornadas, ¿a cerca de que outras personalidades estiveron enfocadas o resto de xornadas? Como transcorreron?

Nestas Xornadas compareceron grandes creadores: Julio Camba, Rosalía de Castro, Valle-Inclán e Maruja Mallo. Asisteu moito público e o pasou moi ben.

¿En que se baseou para elixir a estes artistas? ¿Por que eles?

Este ciclo está consagrado á cultura galega, e todas as figuras das que se tratou meréceno sobradamente. É verdade que faltan algúns outros (Emilia Pardo Bazán, por exemplo), pero tamén a eles lles chegará o seu momento nunha próxima xeira.

D. Álvaro, Valle, Rosalía, todos eles pertencentes ao mundo da literatura, pero hai outros como Maruxa Mallo que se aparta desta arte. Significa isto que o viño está presente en todo tipo de manifestación cultural? En cal ten unha maior presenza?

En todos os creadores seleccionados a presenza do viño é moi relevante. De todos se aprenden cousas a este respeito.

O viño, máis presente en Valle-Inclán

E, dos artistas protagonistas das xornadas, ¿nas obras de cal abundan máis referencias á bebida alcohólica?

Quizais sexa Valle-Inclán, e nomeadamente nas Comedias Bárbaras, onde a cultura popular do viño está máis presente.

¿A que cre que se debe esta presencia do viño, e da gastronomía en xeral, dentro da arte? ¿Quizais teña que ver con que a meirande parte da arte procura imitar ou polo menos se ambienta na realidade, e, o queiramos ou non, o viño é parte do día a día?

A civilización Occidental se asenta en dois pilares, no que concirne a estimular a relación entre as persoas e confortar os seus espritos: o viño e o café. En Galicia, sen o viño, tería sido moi pobre a calidade de vida da nosa xente ao longo da historia, dende que a romanización nos achegou o cultivo da vide.

Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta