Colectores "intelixentes" para o centro histórico de Santiago que premiarán con puntos a veciños que reciclen

Estes contedores disporán dun control de apertura que identificará quen deposita o lixo. O sistema enviará os datos á aplicación que o usuario terá descargada no móbil.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2020 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela implementará, ao longo dos próximos 18 meses, un proxecto piloto de xestión de residuos orgánicos a través de tres colectores dotados de intelixencia artificial e que se instalarán no centro histórico da capital galega e nos seus arredores.

Os depósitos, que funcionarán con enerxía solar e que disporán de sistemas antivandalismo, contarán con distintos tipos de sensores --de peso e de enchido, de humidade, de cheiros--, así como cun sistema de escaneo que permitirá avaliar se se están vertendo os residuos correctos --orgánicos, neste caso-- no colector.

Ademais, os dispositivos disporán dun control de apertura que identificará quen deposita o lixo. Este sistema enviará os datos á aplicación que o usuario terá descargada no móbil e, mediante sistemas de gamificación e puntos, entre outros, premiará aos veciños que reciclen.

A iniciativa presentouna este luns o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, xunto ao director executivo e fundador de Wellness Techgroup --a empresa que obtivo o contrato para a realización do proxecto--, David García Tenreiro, así como a representante da compañía para Galica e Norte de España, Fernanda Liz Vega. Nun principio, o contrato licitouse por 466.200 euros, pero foi finalmente adxudicado por 369.000 euros.

Wellness Techgroup, empresa especializada en tecnoloxía e 'smartcities' --cidades que aplican a tecnoloxía para mellorar a calidade de vida e a accesibilidade dos seus habitantes--, será a encargada de instalar os colectores que, tras analizar os residuos mediante diversos sensores, enviarán os datos solicitados a unha plataforma de intelixencia artificial que será a que tome as decisións finais.

"O obxectivo é dotar á propia infraestrutura coa tecnoloxía necesaria para que sexa o propio colector o que avalíe o residuo, o seu estado e o momento oportuno para a súa recollida", explicou o director executivo da compañía.

Ademais, a finalidade do xogo de puntos, segundo incidiu David García Tenreiro, é "enganchar" á poboación, xa que "o proxecto non pode levar a cabo sen a cidadanía". De feito, con todos os datos recollidos e analizados, a compañía espera poder xerar modelos predictivos de comportamento --como se recicla por barrios, por idade e outras variables-- que permitan, nun futuro, facer aínda máis eficaz a xestión de residuos.

O concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais de Santiago, Gumersindo Guinarte, en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO
O concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais de Santiago, Gumersindo Guinarte, en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO

'SMARTIAGO', PROXECTO PARA UNHA CIDADE MÁIS SUSTENTABLE

Tal e como explicou o concelleiro de Turismo, esta iniciativa enmárcase dentro do 'Smartiago', "un proxecto europeo de compra pública innovadora, é dicir, que busca a incorporación de innovacións tecnolóxicas máis aló do que existe no mercado".

O 'Smartiago' abordará tres retos: a mobilidade urbana no centro histórico, a iluminación ornamental dos monumentos e a xestión dos residuos sólidos urbanos. Segundo explicou Sindo Guinarte, as licitacións para mobilidade e iluminación sairán "a principios do ano próximo", xa que o obxectivo é dispor dos primeiros resultados dentro de 18 meses.

"O obxectivo non é abastecer de infraestruturas esta administración, senón levar a cabo proxectos piloto, moi concretos e limitados, que despois poidan ser aproveitados por esta, ou por outras administracións para mellorar os servizos públicos municipais", destacou o concelleiro de Turismo. Ademais, incidiu no seu desexo de cumprir a última directiva europea sobre residuos e reciclaxe, que pide aos estados membros un 50% de reutilización.

Pola súa banda, o fundador de Wellness Techgroup destacou que, ademais dos beneficios máis visibles para os veciños da cidade, como a "mellora na calidade de vida", este proxecto piloto pode repercutir positivamente en Santiago ao convertela en "un polo de innovación coa participación no desenvolvemento do proxecto de empresas privadas e universidades, entre outras", así como a nivel económico, xa que a compañía sinalou que un 10% dos 'royalties' quedarán no municipio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta