O PP rexeita subir o IRPF ás rendas altas e aproba ás contas de 2021 sen aceptar enmendas

BNG e PSdeG lamentan que os populares non acepta "nin a máis mínima rectificación" na súa política fiscal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2020 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

Os orzamentos de 2021 continúan a súa tramitación tras rexeitar o PP este luns en pleno as emendas á totalidade propostas por BNG e PSdeG, que entre outras cuestións demandaban unha subida do IRPF a rendas altas.

No debate de totalidade das contas de 2021, os populares rexeitaron durante a mañá todas as emendas do grupo un --referidas a a devolución global e de orzamentos de seccións ou axentes xestores de gasto--, mentres pola tarde foron votadas e tamén denegadas as do grupo dous --que modifican contías e transfiren créditos entre seccións--.

A partir de agora, as contas seguirán coa súa tramitación na comisión 3ª de Economía antes de volver a pleno para a súa aprobación definitiva. Prevese que estean en vigor en febreiro. O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reprochou á oposición que "só teñen unha proposta: máis impostos para os galegos cando as cousas van ben e cando existen tantas dificultades como neste momento".

Así, defendeu a reforma do IRPF realizada en Galicia en 2016 ao ser "progresiva", á vez que resalta as rebaixas "selectivas" en diferentes impostos nos últimos anos. Ademais, contrapuxo o diferente nivel do que a oposición considera "ricos", pois a proposta do PSdeG pasa por subir IRPF a partir de 50.000 euros, mentres o BNG eleva esa marxe aos 120.000 euros.

EMENDAS DA OPOSICIÓN

Durante o debate, Noa Presas (BNG) defendeu que "hai que subir impostos, pero a quen máis ten para redistribuír en quen menos ten". Presas lamentou que o PP non acepta "nin a máis mínima rectificación" e "non se move unha coma na política fiscal". 

Votación de emendas á totalidade de orzamentos de 2021. CAPTURA
Votación de emendas á totalidade de orzamentos de 2021. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Pola súa banda, a deputada socialista Begoña Rodríguez chamou a "mellorar a xestión recadatoria" do Goberno galego e a reforzar a loita contra a fraude nun proxecto de orzamentos que critica por "opaco". Tamén pediulle á Xunta que "non renuncie" a incrementar os seus ingresos para axudar aos máis prexudicados pola pandemia. Puxo de exemplo que quen recibe herdanzas "millonarias" ten que "achegar máis recursos".

LEI DE MEDIDAS FISCAIS

Por outra banda, a lei de medidas fiscais e administrativas, a que acompaña aos orzamentos da Xunta de 2021, que este ano modifica un total de 25 normas, continúa o seu trámite parlamentario tras rexeitar este luns o pleno do Parlamento cos votos do Partido Popular as emendas da oposición.

O BNG criticou ao grupo maioritario por facer "da excepción a norma" con este debate "que volve todos os anos", mentres o PSOE rexeitou este "procedemento exprés" que, precisamente, "furta" o debate. Os populares, pola súa banda, defenderon que é unha lei "que resolve problemas".

Na súa intervención, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reivindicou o establecemento de beneficios fiscais para sectores afectados pola crise do coronavirus, así como a intención de "aclarar" cuestións normativas e "potenciar" o cumprimento dos plans de igualdade por parte das empresas, entre outros obxectivos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta