Alu Ibérica xudicializa o conflito tras anunciar accións legais polo "ataque" da pasada semana

O comité de empresa explicará este martes a súa postura e anunciará medidas aprobadas en asemblea.

Por E.P. | A CORUÑA | 21/12/2020 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

A dirección de Alu Ibérica confirmou "accións legais" polo "ataque" que, segundo sostén nun comunicado, se rexistrou na planta coruñesa o pasado xoves e no que, engade, houbo "agresións".

Pola súa banda, o comité de empresa --que recoñeceu a existencia de momentos de "tensión" na fábrica tras o despedimento, sinalaron, dunha compañeira-- convocou para este martes unha comparecencia ante os medios de comunicación para "aclarar a situación na planta".

E é que desde o comité non quixeron pronunciarse, ao ser consultados por Europa Press, polo contido do último comunicado emitido pola empresa e remitíronse á rolda de prensa convocada. No seu comunicado, Alu Ibérica afirma que "empregados afectados polo ataque sufrido na planta proseguen coas súas accións legais" con "denuncias penais a título individual".

Ademais, indica que "ante a gravidade dos feitos ocorridos a dirección da empresa tamén decidiu personarse e procederá a rexistrar a súa denuncia ante a Policía Nacional en próximas datas".

No seu comunicado, Alu Ibérica afirma que, no transcurso dun "despedimento disciplinario", "o director de Recursos Humanos e outros traballadores que se atopaban na administración da planta coruñesa" resultaron "agredidos". Argumenta tamén que varias persoas, "cinco", requiriron asistencia sanitaria e entre o que cualifica como "atacantes" inclúe a "catro integrantes" do comité de empresa.

Desde a representación sindical, aseguraron que responderán na súa comparecencia deste martes e avanzaron que tamén anunciarán "as medidas aprobadas por unanimidade polo comité e ratificadas tamén por unanimidade polo persoal en asembleas masivas".

Os traballadores de Alu Ibérica nunha protesta para pedir a intervención da planta. COMITÉ DE EMPRESA DE ALU IBÉRICA - Arquivo
Os traballadores de Alu Ibérica nunha protesta para pedir a intervención da planta. COMITÉ DE EMPRESA DE ALU IBÉRICA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta