Concedida a declaración de impacto ambiental á regasificadora de Reganosa en Mugardos

O Supremo anulou en 2019 o acordo do Goberno de Rajoy en funcións de exención deste trámite

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2020 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O Ministerio de Transición Ecolóxica concedeu a declaración de impacto ambiental (DIA) á regasificadora de GNL de Reganosa no municipio de Mugardos.

En xullo de 2019, o Tribunal Supremo declarou nula a exención do trámite de avaliación de impacto ambiental que acordou o Consello de Ministros de 27 de maio de 2016, co Goberno de Mario Rajoy en funcións, respecto desta terminal. Agora dáse cumprimento a esta sentenza con esta autorización.

A declaración de impacto ambiental recoñece o carácter esencial da terminal (coa súa operación asegúrase o abastecemento enerxético no noroeste español) e a idoneidade do plan de vixilancia ambiental implantado actualmente.

Reganosa terá que implantar formalmente as medidas preventivas, correctoras e compensatorias que prevé a DIA, moitas das cales xa se atopan incorporadas con distintas intensidades nesta planta de regasificación que se puxo en marcha en 2007 nunha superficie dunhas 15 hectáreas.

Antes de emitir esta DIA favorable (procedemento de avaliación ambiental máis estrito no ordenamento xurídico español), a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental solicitou a opinión de diversas administracións, organismos e colectivos.

VALORACIÓN

Entre outras cuestións, o documento determina que a calidade das augas non variou tras a construción da planta, mentres que a socioeconomía da zona beneficiouse do proxecto.

Ademais, esta declaración sostén que a vertedura da planta non afecta nin á composición nin á estrutura das comunidades bentónicas situadas nas inmediacións da terminal, despois de que varios colectivos mostrasen a súa preocupación sobre a influencia en bancos marisqueiros.

En materia de seguridade, a instalación conta cun plan de emerxencia, cumpre con todos os requisitos legais e en ningún dos escenarios de risco avaliados hai poboación afectada. Así mesmo, os gaseiros navegan e manobran segundo criterios de Capitanía Marítima, mentres que hai unha "total ausencia de incidencias". Pola súa banda, vulnerabilidade das instalacións ante potenciais catástrofes naturais é despreciable.

Central de Reganosa en Mugardos (A Coruña). REGANOSA - Arquivo
Central de Reganosa en Mugardos (A Coruña). REGANOSA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta