Denuncian que os Franco están baleirando Casa Cornide antes de que sexa declarada BIC

Defensa do Común convoca unha nova protesta o domingo. O concello coruñés insiste na ilegalidade da propiedade dese inmoble por parte dos Franco.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 22/12/2020 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

A plataforma cívica Defensa do Común e o BNG denunciaron a retirada de obxectos da Casa Cornide da Coruña, propiedade do Franco, e pediron axilizar a declaración do inmoble como Ben de Interese Cultural (BIC), un expediente que o consistorio coruñés xa presentou ante a Dirección Xeral de Patrimonio.

Nun comunicado, Defensa do Común asegura recibir información da veciñanza da Cidade Vella, onde se sitúa o inmoble, sobre a presenza de "varias furgonetas retirando obxectos". O BNG, pola súa banda, achega imaxes dunha furgoneta saíndo do edificio, que o consistorio espera reclamar para o patrimonio público, seguindo os pasos do pazo de Meirás tras a sentenza favorable ao Estado.

Desde a plataforma cívica, aseguran que os feitos denunciados supoñen "un feito moi grave porque pretenden facer na Casa Cornide o mesmo que querían facer no pazo de Meirás: levar de alí todo o que puidesen antes de entregar as chaves", aseguran nun comunicado no que o comparan co comportamento dos "okupas".

ACTO CÍVICO

"Os Franco saben que a declaración de BIC dificulta a súa venda --a do inmoble--e saben que desde ese día non poderán retirar obxectos da Casa Cornide, sen previa autorización". Por outra banda, avanza que convocarán o domingo un acto cívico, ás 12,30 horas, ante o o edificio para "repudiar a actuación da familia do ditador Franco por este espolio continuado" e esixir que se aclere a declaración de BIC.

Ademais, pide que por parte do concello "se presente a correspondente denuncia no xulgado para investigar se foron retirados obxectos da Casa Cornide nos últimos días". Na mesma liña, o BNG afirma que veciños da zona informáronlles "que estaban a cargar o vehículo con bens que se atopan no interior da casa" e engade que, ao seu xuízo, isto é "un síntoma de que os Franco queren evitar que pase o que en Meirás: que se faga un inventario do que contén a Casa Cornide para evitar que o leven de alí".

Mentres, desde o consistorio remitíronse ao estudo por parte a asesoría xurídica do informe da Universidade da Coruña (UDC) que conclúe que foron ilegais os procesos de permuta, poxa e venda. "Para atar ben a demanda", dixeron a Europa Press fontes municipais para "restituír ao patrimonio público" o edificio.

Furgoneta saíndo da Casa Cornide. BNG
Furgoneta saíndo da Casa Cornide. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta