Os repartidores de comida que 'queren ser' "precarios": “se nos regulan, o 40% imos á rúa”

O Goberno anuncia unha regulación para os repartidores de comida rápida que exercen como falsos autónomos. Os sindicatos recordan que, con este réxime, non teñen dereito a prestacións, pero algúns resístense ao cambio: “podemos pasar de gañar 40€ á hora a só 4”.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Chove na cidade e pola rúa principal baixa laiándose unha moto de 50cc. Sobre ela, na rúa baleira, unha persoa empapada que carga ás súas costas cunha mochila de brillante cor corporativa. Glovo, Deliveroo, Uber Eats. O motorista deixa atrás o Burger King, camiño dun cuarto piso para entregar esa hamburguesa dobre con queixo coa que gañará 4’5€. E logo volta ao restaurante. E logo volta á estrada.

Rider de Uber Eats
Rider de Uber Eats | Fonte: thespoon.tech

En Galicia as compañías de reparto de comida rápida chegaron, como case todo, tarde; a ralentí das grandes cidades do Estado. Primeiro foron Madrid e Barcelona, moito máis tarde Vigo, Santiago e A Coruña. Aínda que o negocio da comida a domicilio é antigo, esta nova xeración de compañías trouxo un modelo de funcionamento radicalmente diferente... e ao cal o Goberno central xa lle declarou a guerra.

As plataformas de reparto que hoxe tinguen as rúas galegas diferéncianse das empresas tradicionais en que, cando menos na teoría, non teñen un só empregado. Estas compañías facturan poñendo en contacto repartidores con restaurantes que buscan mandar un pedido a domicilio –en realidade, Glovo, Deliveroo e Uber Eats prestan servizo a calquera empresa, sempre que o produto a repartir entre nunha caixa portátil e se poida sacar comisión do traslado--.

Este modelo de reparto vén de se converter, nos últimos anos, no agosto daquelas persoas que buscan ingresos rápidos e sen complicacións. Como explican algúns repartidores –ou riders, en argot— os requisitos para entrar a exercer ás ordes destas plataformas son case inexistentes: mercar a bolsa corporativa, ter un vehículo –serve unha bicicleta—e agardar arredor de 24 horas. Así de fácil.

FALSO AUTÓNOMO

"Se queren despedir [o traballador], pódeno facer gratis"

Repartidores de Glovo nunha rúa
Repartidores de Glovo nunha rúa | Fonte: ElEconomista.es

O tema, por suposto, ten truco; porque para entrar a traballar para unha destas plataformas é preciso rexistrarse como autónomo e aboar a cota correspondente –cota que, por suposto, terá que pagar o traballador--. “Con este sistema, as empresas non teñen que pagar á seguridade social nin facerse cargo do asalariado se queda de baixa”, explica Pedro María Rey Araújo, doutor en Economía. “E se o queren despedir, pódeno facer gratis”, engade.

O recurso do falso autónomo esperta o rexeitamento de sindicatos e Goberno central, que dende comezos de ano traballa nunha regulación para atallar este posible incumprimento laboral –“posible” porque o TS comparte a tese de Traballo, non así o TSXE--. A sorpresa chega ao descubrir que un importante sector do colectivo rexeita a regulación do goberno e quere permanecer como autónomo. “Se nos regulan, pasaremos a cobrar 4€ por hora, cando agora podemos facer 40”.

“O 40% IRIAMOS Á RÚA”

O argumento dáo Álex, un ex-rider afincado en Vigo que repartiu con Glovo ata o comezo da corentena. Agora quere regresar, porque, explica, está habendo moito traballo. Para el, a idea de obrigar ás empresas a asalariar os seus traballadores empeoraría a situación dos propios repartidores. “Se nos poñen como asalariados, o 40% ou máis de nós irá para a rúa, porque sería insostible para Glovo pagar tanta Seguridade Social”.

Álex encarna, neste caso, a posición dos repartidores contrarios á regulación, que a nivel estatal se atopan representados en plataformas como a Asociación Autónoma de Riders. Nas grandes cidades, o anuncio da nova regulación por parte de Traballo espertou unha mobilización laboral sen precedentes nun eido que, ata agora, destacaba pola atomización dos seus traballadores. Polo momento, o sector de Galicia non se viu afectada por esta polarización entre partidarios e detractores da regulación.

“É COMO UN CAPÍTULO DE BLACK MIRROR

Do lado dos favorables está Felipe Corredor, un dos voceiros de Riders x Derechos, a principal plataforma en prol da intervención do Ministerio. Felipe foi repartidor de Deliveroo en Barcelona ata que a compañía o expulsou, xunto con varios compañeiros, por “mobilización sindical”. Agora fai presión, xunto cos sindicatos tradicionais, para que o Goberno liquide a figura do falso autónomo e obrigue ás compañías a poñer fin á situación actual, “unha miseria” para o ex-rider.

“Os teus ingresos dependen de cantos pedidos teñas”, explica, “e o teu número de pedidos depende da puntuación. É unha desprotección absoluta”. Como noutras compañías, Deliveroo outorga máis ou menos traballo aos seus riders dependendo dun algoritmo un tanto caprichoso. “Se caes mal ou o cliente tivo un mal día terás menos horas de traballo a semana seguinte. É como nese capítulo de Black Mirror”, explica.

REPARTIDOR RICO, REPARTIDOR POBRE

"Un grupo [dos detractores] son simpatizantes da extrema dereita"

Esta situación dá lugar a unha xerarquía dentro dos propios repartidores. “Hai unha minoría con boa puntuación que consegue moitísimas horas de traballo, mentres que unha cantidade de xente non ten suficientes para vivir”, explica. A ollos de Felipe, esta é unha das razóns dos críticos co Goberno para opoñerse á regulación: “estas persoas conseguen máis de 40 horas á semana e fan uns números moi bos que non poderían facer de asalariados”.

O voceiro de Riders x derechos amósase crítico cos detractores da regulación. “Un grupo deles son persoas próximas ás empresas, algúns mesmo simpatizantes da extrema dereita”. Corredor detalla que se trata de traballadores “co favor das compañías” e que reciben un trato privilexiado por parte destas. “Teño capturas de pantalla nas que se ofrecen máis pedidos para as persoas que defendan o modelo [de falso autónomo]”.

“SE SOMOS PRECARIOS É POR FACENDA”

De volta en Vigo, o ex-glover Álex resta peso a estas acusacións de desigualdade. Recoñece que no pasado “había xente que agarraba todas as horas”, pero agora, co novo sistema, o reparto é máis equitativo. “Ao final da semana, os que están abaixo facturan case o mesmo que os de mellor puntuación. Terán unha diferenza de 10 euros, como moito”, engade.

Este cruce de argumentos deixa nunha difícil posición a sindicatos e Ministerio. Aínda que todo apunta a que, finalmente, a regulación irá contra o modelo de falso autónomo, os propios partidarios da iniciativa recoñecen que o risco de perda de traballos é real. “Estas compañías contan cunha burbulla de traballadores. Teñen moitísimos porque non lles costa nada”, subliña Felipe. 

Para Álex, a cuestión da regulación vai máis alá. Considera que o paso ao modelo asalariado traerá “os problemas de todos os traballos”: horas extras sen pagar, “que pasa da hora do peche e tes que quedar porque che mandan”, etc. Ao ser ver, o problema dos riders reside na elevada contribución que lles esixe o fisco: “se somos precarios é por culpa da seguridade social que nos afoga. Paréceme que Glovo paga ben, o problema está en que Facenda e a Seguridade Social quítannolo todo”.

'Rider', repartidor de comida rápida da plataforma Glovo
'Rider', repartidor de comida rápida da plataforma Glovo | Fonte: memo.com.ar
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta