PP e BNG reclaman no Parlamento a xestión directa dos fondos europeos

Os populares aseguran que "se fose polo seu amado Abel Caballero", os socialistas nunca construirían un hospital en Vigo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2020 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O Parlamento galego pediu á Xunta --tras iniciativa do BNG apoiada polo PP, con abstención do PSdeG-- a rexeitar a centralización de fondos Next Generation e a reclamar ao Goberno central a xestión directa destes fondos europeos de reactivación.

Esta proposta do Bloque incluía outros dous puntos que pedían, entre outras cuestións, remitir ao Parlamento en tres días toda a información referente a estes proxectos que optan a fondos da UE. Con todo, o PP non apoiou esta parte.

Aínda que a votación da iniciativa tivo lugar este mércores, o debate tivo lugar o martes. A deputada do BNG Noa Presas acusou á Xunta de "tomar a pitorreo" ao Parlamento galego pola falta de información sobre os proxectos que optan a fondos europeos.

E é que lamenta que a oposición "non sabe nada" dos 108 proxectos dos que fala o Goberno galego, mentres as universidades "non teñen reservado un papel". En cambio, o deputado do PPdeG Miguel Tellado defendeu a "confidencialidade" destas iniciativas para a súa competitividade.

O deputado Juan Carlos Francisco Rivera (PSdeG) mostrouse a favor da "cogobernanza", pero quere acordar "unha posición de país" que defina "os intereses de Galicia, que non son os intereses do PP".

REXEITAMENTO DE INICIATIVAS SOCIALISTAS

Noutra orde de cousas, neste pleno o PP denegou senllas iniciativas socialistas. Nunha delas, o PSdeG demandaba á Xunta un protocolo de actuación específico para o suposto de casos positivos por covid entre a tripulación de barcos que chegan a portos galegos.

Así mesmo, os populares rexeitaron no pleno unha proposición non de lei do PSdeG --apoiada polo BNG-- para a reversión á titularidade pública do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Na súa intervención, Julio Torrado (PSdeG) denuncia que hoxe en día na área de Vigo non existe un hospital "plenamente público", que tacha de "anomalía".

O deputado socialista censura que coa chegada do PP á Xunta parouse un proxecto dun hospital público do goberno de Emilio Pérez Touriño por 410 millóns con 1.100 camas, e cambiouse a un modelo novo privatizado que "pasou a custar 1.400 millóns" para "ter 300 camas menos". E é que esta aposta por "unha sociedade concesionaria privada" tivo "grandes beneficiarios", xa que "cando Feijóo fala de sanidade os construtores fregan as mans"

En contraposición, Teresa Egerique (PP) acusou á oposición dun "engano constante" respecto da situación do Cunqueiro, no que identifica cunha "serie de ciencia ficción chea de falsidades".

"Se fóra polos socialistas e o seu amado Abel Caballero, Vigo hoxe non tería hospital", opinou Egerique. Quéixase de que "seguen utilizando ao Cunqueiro como unha arma política" nun momento de pandemia. "Non se terían salvado tantas vidas na covid-19 se non se tivese esa infraestrutura", apostila.

Parlamento de Galicia.
Parlamento de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta