Estudan xa posibles casos da cepa do Reino Unido na Coruña e na Mariña

Xa hai catro casos confirmados en Madrid. A nova cepa británica ten 22 cambios con respecto ao virus orixinal do SARS-Covid 19.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/12/2020 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade está alerta ante a posibilidade de que a cepa británica da Covid estea xa en Galicia. Polo momento hai varios casos en investigación, concretamente, nunha paciente ingresada no CHUAC da Coruña desde o pasado sábado e que procedía deste país da Unión Europea. Tamén doutro paciente da Mariña.

Imaxes de realidade virtual da estructura das proteínas do coronavirus SARS-CoV-2
Imaxes de realidade virtual da estructura das proteínas do coronavirus SARS-CoV-2 | Fonte: Martín Calvelo, Ángel Piñeiro, Rebeca Garcia-Fandino, An immersive journey to the molecular structure of SARS-CoV-2: Virtual Reality in COVID-19, Computational and Structural Biotechnology Journal, 2020.

Segundo puido confirmar GC de fontes médicas, estes pacientes están sendo investigados tras ser de "risco" e ter chegado a Galicia procedente do Reino Unido para pasar as festas de Nadal. O seu caso, ao ser de alta prioridade pasou a ser investigado con detemento.

Estas fontes aseguran que o caso está sendo investigado no Departamento de Microbioloxía, pero, polo momento, non poden confirmar que a paciente teña a variante da cepa británica. Pola súa banda, desde o Sergas suliñan en declaracións a este medio que, polo momento, non hai "ningún caso identificado" en Microbioloxía ou Medicina Preventiva da cepa británica, pero "seguen en alerta".

CASOS EN MADRID

Polo momento, o Ministerio de Sanidad confirmou xa catro contaxiados detectados en Madrid e que este domingo presentaron síntomas leves da covid-19. Segundo o ministro Illa, os catro pacientes presentaron un resultado de PCR negativo para viaxar a España, que fixeron antes de que se alertase da nova cepa e da súa maior transmisibilidade, explicou o ministro, que se puxo en contacto coa Comunidade de Madrid para abordar a situación.

NOVAS CEPAS

De todos os virus, incluídos os coronavirus, xorden constantemente novas cepas ou variantes, algo para o que os científicos que desenvolven vacinas xa están preparados. No caso da nova cepa da covid de Reino Unido, a viróloga Wendy Barclay, do Imperial College London, dixo que se identificaron dúas decenas de mutacións no seu código xenético, o cal é inusual.

"Normalmente vemos que os virus se diferencian entre si por un ou dous cambios, pero este ten un total de 22 ao mesmo tempo, e iso ao coñecerse de inmediato xera unha especie de alarma", explicou Barclay na BBC.

"Hai varias desas mutacións  que cremos que son moi importantes para axudar ao virus a ingresar ás células moi rapidamente, polo que estamos a tratar de obter evidencias que apoie iso. Pero biolóxicamente, é factible que o virus cambiase a forma en que se comporta debido a esas mutacións", indica Barclay.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta