Polonia reclama os cadros do Museo de Pontevedra que lles foron roubados polos nazis

Trátase de obras do pintor Dieric Bouts, datadas entre 1410 y 1420, e que pertencen á Colección da Princesa Czartoryski en Goluchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2020 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

A familia herdeira do príncipe polaco Wladislaw Czartoryski reclamou ao Museo de Pontevedra a devolución dos cadros da Virxe 'Dolorosa' e un 'Ecce homo', unhas pinturas que foron expoliadas polo réxime nazi e, posteriormente, localizadas na institución museística. Ademais do Goberno polaco, agora tamén reclaman estas pezas os descendentes do seu primeiro propietario, o príncipe dono do Castelo de Goluchów, onde se produciu orixinalmente o saqueo alemán.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, informou este martes en rolda de prensa de que o Museo de Pontevedra continúa cos plans anunciados e devolverá ambas as pezas a quen indique o Ministerio de Cultura, entidade que ten a competencia para xestionar este tipo de asuntos a nivel estatal.

As dúas pezas, atribuídas ao pintor holandés Dieric Bouts, chegaran ao Museo a través da colección Fernández López, pero a división de rastrexo de bens expoliados do Ministerio de Cultura polaco identificounas como parte das obras roubadas.

Segundo revelou César Mosquera, o Museo recibiu a semana pasada unha carta dos representantes da familia herdeira, actuando en nome de catro persoas, o príncipe Adam Karol Czartoryski, a condesa Maria Helena Zamoyska, o conde Zdzislaw Zamoyski e o conde Adam Zamoyski, que aseguran ser lexítimos propietarios.

Na carta explican que a colección recuperada do Castelo de Goluchów pasou no seu momento ao Estado polaco, pero as dúas pezas atopadas no Museo non estaban incluídas na relación de venda polo que, ao súa entender, deben serlles entregadas directamente aos herdeiros directos.

Unha vez recibida a carta, Mosquera explicou que o asunto se derivou aos servizos xurídicos da Deputación e tamén ao Ministerio de Cultura. Segundo indicou, este "é un recurso que parece difícil de prosperar" xa que, atendendo aos convenios internacionais sobre arte expoliado no II Guerra Mundial, "as pezas vanse devolver moi probablemente ao Goberno polaco para que este, despois, arranxe coa familia", apuntou o responsable político do Museo.

IDENTIFICADOS O CONFINAMENTO

O vicepresidente subliñou que a noticia da identificación deste díptico relixioso como ben espoliado xurdiu durante o confinamento pola pandemia, cando Mariusz Wisniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra.

Segundo a documentación que achegaba, as dúas pezas pertencían á Colección da Princesa Czartoryski en Goluchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. Ambas as pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973.

Despois, ingresaron no Museo como depósito do coleccionista José Fernández López e, desde 1994, son propiedade, despois da compra da súa colección (313 pinturas de autores e cronoloxía diversas), grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.

Descoñécese onde e en que momento foron adquiridas por Fernández López, pero todo parece indicar que puido facelo nun dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual.

O díptico está atribuído ao pintor holandés Dieric Bouts (Ca. 1420- 1475), principal representante da Escola de Lovaina, e constitúe un bo exemplo dunha tipoloxía da que se conservan numerosos exemplares en museos e coleccións particulares, realizados polo artista, ou ben polo seu taller e imitadores. No caso das pezas do Museo de Pontevedra, a súa valoración rolda os 23.000 euros cada unha, ao facer unha estimación en base ao prezo pago por toda a colección Fernández López (600 millóns de pesetas).

Ambos os cadros estaban actualmente na sala de reserva, pero formaban parte das mostras permanentes dos edificios centrais do Museo, agora clausurados. Son dúas obras significativas, que serán obxecto de exposición antes da súa devolución.

Cadros expoliados durante en nazismo e hoxe no Museo de Pontevedra.
Cadros expoliados durante en nazismo e hoxe no Museo de Pontevedra. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta